O Trío Magrí pecha con Debussy e Ravel a tempada de concertos da USC

A Universidade de Santiago pon fin este venres 28 á súa tempada de concertos coa actuación do Trío Magrí, integrado por Elina Viksne (violín), Barbara Switalska (violonchelo) e Ilona Timchenko (piano). O programa do recital, ás 20:00 horas no Paraninfo da Universidade con entrada libre, será o Trío en Sol Maior de Claude Debussy e o Trío en La menor de Maurice Ravel. O Trío Magri nace en 2012 en Santiago de Compostela co propósito de difundir o intenso repertorio ata agora escrito para a agrupación de Piano Trío. Coa idea de fusionar a música con outras artes, as fundadoras da agrupación inspíranse na expresión contemporánea do recoñecido pintor de orixe francesa Alain Magri, tamén residente en Galicia, para así consagrar a idea inicial de incluír unha vertente máis dentro da súa actividade concertística que é unir coa súa arte as dúas disciplinas. O trío As integrantes do Trío Magri de orixe letona, polaca e rusa contan por separado cunha excelente preparación e unha grande e satisfactoria experiencia como intérpretes. Toda selas residen na actualidade en Galicia. Ilona Timchenko nace en Crimea, onde comeza os seus estudos musicais. Gañadora da terceira edición do concurso Abstract Securities Landor, en 2007 obtén un contrato co selo Landor Records e fai a súa primeira gravación elixida como unha das máis destacadas na Revista Internacional de Gravacións en 2009. Foi a primeira pianista que afrontou os 24 Preludios e Fugas de Schostakovich en Italia. Realiza recitais nas salas máis importantes destacando Wigmore Hall, Philips Hall en Holanda, Viena Musikverein, Amsterdam Concertgebouw, a Sala Grande do Conservatorio de Moscova e a Sala Teatro Monumental de Madrid. Pola súa banda, a letona Elina Viksne comeza os seus estudos de violín á idade de cinco anos. Desde os 10 ofrece recitais por toda Europa colaborando con pianistas como Lili Sarkisyan, Ángel González e lleana Cortizo. Nos últimos anos participou en varios proxectos de música de cámara en festivais de música e outros concertos de música de cámara. Dende 2006 é integrante da Real Filharmonía de Galicia. Por último, Barbara Switalska, de orixe polaca, comezou a formarse musicalmente á idade de 6 anos na súa cidade para posteriormente estudar en Varsovia, Madrid e Basilea. Gañadora do Concurso Nacional de violonchelo de Polonia, foi así mesmo galardoada con diversos premios nacionais e internacionais. Actuou como solista en diversos países de Europa e América e colaborou, entre outros, con músicos como Árnulf von Arnim, León Spierer, Ivan Monighetti, Michael Portal, María Joao Pires e membros do quinteto Miró. Na actualidade é violonchelista co principal da Real Filharmonía de Galicia ademais de profesora de violonchelo na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e na Escola de Música Berenguela.