Ir o contido principal

O Trío Tre Corde actúa este luns 7 de maio no auditorio da Casa do Saber no marco do ciclo ‘Na Calzada’

Integrantes da formación Trío Tre Corde
Integrantes da formación Trío Tre Corde
O concerto do trío integrado por maría Xesús Talero, Silvia Ramos e Thao Bui Huong comeza ás 20.00 horas. A entrada é libre e de balde ata completar aforo

O ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un programa de música de cámara organizado ao abeiro do Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo, ofrece este luns 7 de maio, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo unha actuación do Trío Tre Corde, unha formación de novos intérpretes integrada por María Xesús Talero (Violín), Silvia Ramos (Violoncello) e Thao Bui Huong (Piano).

O concerto de Trío Tre Corde servirá de colofón do ciclo ‘Na Calzada’, unha programación específica a través da que se pretende dar visibilidade a artistas lucenses que completaron a súa formación ou están a completar a súa carreira artística fóra de Lugo. A actuación, como todas as programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, é libre e de balde ata completar oaforo.

María Xesús Talero Andújar formou parte da Nova Orquestra de Xaén (2011-2013), da nova Academia de Orquéstra Cidade de Granada en 2014, e da Orquestra Nova de Andalucía desde 2014 ata a actualidade.

Pola súa banda, Silvia Ramos cursa actualmente o terceiro ano dos estudos superiores de violoncello no Conservatorio Superior de Música de Castela e León, en Salamanca, baixo a tutela de Marius Díaz e Aldo Mata. No ano 2016 incorpórase como membro activo da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, onde traballa con directores como Rubén Gimeno ou Krzysztof Penderecki.

Thao Bui Huong, natural de Vietnam, recibiu clases maxistrais de Kenedy Moretti, Iván Cítera, Antonio Ortiz, Carles Marín, Josep Colom e Claudio Martínez Mehner. Esta pianista nova actuou en varios concertos públicos en Vietnam e España e participou na última edición do Concurso Internacional de Música en Lles Corts de Barcelona.

Na primeira parte do concerto, o Trío Tre Corde interpretará obras de Jesús Torres e Dmitri Shostakovich; mentres que na segunda parte centraranse en pezas de Felix Mendelssohn.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2018.