Tui acollerá en maio o I Trofeo Interuniversitario de Remo

En maio de 2010 disputarase en Tui o I Trofeo Interuniversitario de Remo, organizado por seis universidades galegas e portuguesas xunto á Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER).
Os representantes das tres Universidades galegas e das portuguesas de Porto, Minho, Alto Douro e Tras os Montes reuníronse este martes co director do FCEER, Carlos Ferrás; a asesora da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Carmen Atero, e o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha. Na reunión avanzouse na organización desta actividade que non quere ser só unha cita deportiva senón tamén un evento lúdico e festivo que reúna a toda a comunidade universitaria como despedida do curso.
Este I Trofeo Interuniversitario de Remo é un paso máis na colaboración que as seis universidades implicadas veñen mantendo dende o ano 2000 e, segundo explicaban, con este traballo conxunto tratan de establecer pontes humanas e de experiencias compartidas entre Galicia e o Norte de Portugal.
Na competición participarán embarcacións de oito con timonel de cada universidade formada por tripulación mixta. Haberá dúas regatas, unha sobre a distancia de 500 metros e outra sobre 1000 metros.
Logo da reunión de onte, onde quedou establecido o compromiso de realizar o Trofeo de Remo, levaranse a cabo outras con técnicos da Secretaría Xeral para o Deporte e do Concello de Tui para ir perfilando todos os detalles, de forma que este compromiso firme se concrete de aquí a finais de ano. Convidarán tamén a participar á Secretaría Xeral de Deportes do Goberno Portugés e poranse en contacto coas Federacións de Remo de Galicia, España e Portugal para fixar a data de xeito que non coincida con outra proba desta disciplina.
As seis universidades implicadas neste proxecto, co que emularán a tradicional regata de remo entre as universidades de Oxford e Cambridge, reúnen na actualidade a 140.000 alumnos e 12.000 profesores e investigadores.