A TUI do curso 2020-2021 é dixital e está integrada na App da USC

A partir do curso 2020-2021, a Tarxeta Universitaria Intelixente (TUI) deixa de ter a forma dunha tarxeta física e intégrase na aplicación móbil da USC. Esta medida, que permite á USC reducir a emisión anual de 8.500 tarxetas de plástico, está enmarcada na Liña 3.3 da Programación Plurianual ‘Avanzar na igualadade e na sustentabilidade’, que contempla que a USC estea en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU (3.3.3), una política de plásticos 0 (3.3.4) e USClima (3.3.5). Especificamente, esta evolución cara á TUI dixital dentro das funcionalidades da app, supón actuar directamente sobre o ODS 6 ‘Auga limpa e saneamento’, ODS 13 ‘Acción polo clima’ e ODS 14 ‘Vida acuática’.
A substitución da TUI física pola TUI dixital afecta só ao alumnado de novo ingreso, mentres que o estudantado que xa teña unha tarxeta física poderá usar indistintamente esta ou a virtual. Por outra banda, o alumnado de novo ingreso que precise unha tarxeta física para acceder a residencias universitarias, ou aquel con necesidades especiais que teña dereito a utilizar os aparcamentos universitarios, poderá solicitala na oficina da entidade bancaria presentando a documentación que así o acredite.
O procedemento que debe seguir o alumnado de novo ingreso para obter a tarxeta dixital, tras matricularse e xerar as credenciais de identificación da USC, é acudir á oficina da entidade bancaria para que lle tomen a foto que aparecerá na tarxeta universitaria, descargar a App da USC, iniciar sesión, e premer sobre a icona de tarxeta virtual para que se realice o proceso automático de xeración da tarxeta. O mesmo para o alumnado de cursos anteriores que precise renovar a tarxeta, mais este xa disporá das súas credenciais. Por último, o alumnado que queira obter unha tarxeta virtual aínda que xa dispoña de tarxeta física só debe descargar a App, identificarse nela e premer sobre a icona de tarxeta virtual para que se realice o proceso automático de xeración da tarxeta.
