Ir o contido principal

O turismo post COVID urxe unha axenda científica sobre o sector

Atardecer nunha paisaxe costeira. Foto: Santi Alvite
Atardecer nunha paisaxe costeira. Foto: Santi Alvite
Investigadores do Cetur da USC participan nun ensaio sobre o sector turístico en España, no que advirten de que a clave da saída da actual “situación sen precedentes” está “resposta política”
Santiago de Compostela

A crise derivada da COVID-19 afecta as bases do sistema turístico ao incidir directamente no movemento de persoas e na súa aglomeración, polo que xera uns desafíos múltiples á sociedade no seu conxunto e depara un escenario sen precedentes para o sector, segundo recolle o informe ‘A axenda de investigación para o turismo na etapa post-COVID. Resposta a unha crise sen precedentes’, que defende a inminente creación dunha axenda de investigación científica aplicada ao turismo e aos destinos.

O documento, que vén de ser publicado polo Instituto de Universitario de Investigación para o Desenvolvemento Social Sustentable (Indess) da Universidade de Cádiz e que compila opinións dun grupo de investigadores pertencentes a distintas universidades e centros de investigación de España dedicados ao turismo como ámbito de coñecemento científico-social, inclúe achegas do director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur) da USC Miguel Pazos Otón, e dos investigadores deste centro universitario Lucrezia López e Angles Piñeiro. O informe ofrece unha análise da realidade do sector turístico logo  dos efectos da pandemia e achega ideas e reflexións sobre posibles liñas de actuación e investigación a desenvolver.

A incidencia e os efectos da pandemia no turismo é especialmente sensible no caso de España, que, ademais de ser un dos destinos turísticos líderes, os seus investigadores  tamén xeran un coñecemento científico en turismo recoñecido a nivel mundial.  Así, á espera de coñecer as posibilidades que se abran no futuro e outras reformas puntuais no sector, tales como poden ser as prioridades para viaxar ou os novos modelos de consumo, os autores deste informe conclúen que a clave do futuro do turismo está na resposta política. As futuras directrices poden tender cara a unha maior relación calidade/cantidade, cara á diminución da pegada ambiental da mobilidade a gran escala ou cara a outros camiños.
 
Neste contexto, esta publicación antóllase como un ensaio que analiza o incerto futuro do sector, achegando, desde a reflexión e confrontación de ideas, posibles liñas de actuación e investigación, considerando que aínda é pronto para valorar a efectividade das medidas anunciadas para apoiar ao sector turístico. Malia ás incertezas, os investigadores entenden que xa é posible crear unha axenda de investigación científica aplicada ao turismo e aos destinos co fin de responder ante esta crise e acadar máis eficacia ante potenciais novas eventualidades.

Estrutura do informe

O informe está estruturado en catro partes, a primeira versa sobre o contexto xeopolítico da crise, nada alleo ao turismo ao influír en fluxos mundiais e no nivel de interconexión económico xamais visto na historia da humanidade. A segunda parte analiza as variables das que dependerían os efectos da crise en España e os seus efectos futuros no turismo. En terceiro lugar, preséntanse as propostas realizadas para mitigar o impacto sobre a mobilidade e a hostalaría, á súa vez, enuméranse as medidas sectoriais e transversais que anunciaron os distintos gobernos central, autonómicos e locais. A publicación conclúe cunha axenda de investigación, cos temas a incorporar para dar resposta ás necesidades de destinos, empresas e colectivos sociais, que é o obxectivo deste informe.

A COVID-19 impón un marco de reflexión totalmente inédito que pode permitir expor á investigación sobre turismo cuestións profundas tanto a nivel conceptual e metodolóxico como a nivel operativo e aplicado. Ademais, engaden os autores deste informe, contemplar a emerxencia de temáticas de investigación novas que se poden formular a corto, medio ou longo prazo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2020.