Ir o contido principal

A TVG estrea un novo espazo de ciencia cunha reportaxe sobre o grupo de investigación NanoMag da USC

'Base Tecnolóxica' é unha serie de 14 programas nos que se amosarán os resultados de grupos de traballo pertencentes ás diferentes institucións investigadoras galegas

A TVG emite a partir do sábado 1 de setembro a serie de reportaxes Base Tecnolóxica, centrado na actividade dos centros públicos de investigación en Galicia. Trátase dunha serie de 14 programas que se emitirán en horario de sobremesa (15.15 horas) e que se desenvolve no marco dun convenio de colaboración entre as tres universidades galegas, o CSIC, a Fundación Idichus, a Fundación Barrié e a CRTVG. A primeira reportaxe terá como protagonista o grupo de investigación da USC NanoMag (Magnetismo e Nanotecnoloxía), coordinado polo profesor Arturo López Quintela e cun recoñecido historial na preparación de nanomateriais e no estudo das súas propiedades desde a súa creación hai máis de vinte anos. As reportaxes deste novo espazo amosarán o traballo e os resultados de investigación acadados por grupos punteiros pertencentes tanto á USC como a outras entidades investigadoras do panorama galego, e nelas farase especial fincapé no proceso que vai desde a xeración de novos coñecementos científicos nos laboratorios ata a súa posta en valor en forma de produtos ou servizos innovadores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.08.2012.