Ir o contido principal

O UI GreenMetric salienta o compromiso da USC co respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade

O obxectivo desta clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, é reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e a sustentabilidade. FOTO: Santi Alvite
O obxectivo desta clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, é reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e a sustentabilidade. FOTO: Santi Alvite
A Universidade ocupa o chanzo 375 dunha listaxe integrada por máis dun milleiro de institucións académicas
Lugo, Santiago de Compostela

O UI GreenMetric Ranking of World Universities 2022 recoñece un ano máis o compromiso medioambiental da USC ao situala no posto 375 dunha listaxe integrada por máis dun milleiro de universidades. Esta clasificación avalía un total de seis indicadores: contorna e infraestruturas (15%), enerxía e cambio climático (21%), residuos (18%), auga (10%), transporte (18%) e educación (18%). Precisamente é a educación en materia de sustentabilidade o apartado no que a institución compostelá acada unha puntuación máis elevada, seguida do  tratamento de residuos e as actividades de reciclaxe, así como da atención que a institución presta ao uso da enerxía e aos problemas derivados do cambio climático.

O obxectivo desta clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, é reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e a sustentabilidade. Os responsables da clasificación analizan o compromiso das universidades coa sustentabilidade a partir dunha serie de aspectos que inclúen a recompilación de información básica sobre o perfil de cada universidade, particularmente en relación ao seu tamaño e ámbito xeográfico de implantación. A recompilación dos datos realízase a través de enquisas en liña enviadas a administradores universitarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2022.