Ulobit ofrece este martes na Casa do Saber un concerto de improvisación inmersivo no marco do programa Sons Creativos

O proxecto artístico Ulobit, integrado por Ariel Ninas (zanfona), Horacio Gonzalez (vídeo) e Xoán Xil (electrónica), baseado na improvisación e a experimentación, e que se move entre o erro sonoro/visual, a música incidental e os ritmos minimalistas, ofrecerá este martes, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo un concerto de improvisación inmersivo no marco da sexta edición de Sons Creativos, un programa de arte sonora e electroacústica dirixido por Inmaculada Cárdenas Servián e que conta con financiamento ao abeiro do convenio Lugo Cultural.
Como preludio da actuación, Ulobit propón un repaso polas diferentes prácticas audiovisuais que buscan establecer unha relación de interacción e feedback entre o que escoitamos e o que vemos. Traballos que van dende o optical sound, onde se experimentaba coa produción de son a partir das imaxes que interferían. Esta escolma inclúe, entre outras, composicións de Arseny Avraamov, Robert Breer, Bruce McClure, Ryan Connor, Gary Hill, Lia, Rioji Ikeda, Frank Bretschneider … De seguido, Ulobit presentará un concerto/improvisación inmersivo para pantalla negra e sistema de difusión de audio cuadrafónico. As imaxes xéranse en tempo real a partir de reflexos e proxeccións directas sobre a óptica dunha cámara para pasar a ser procesadas mediante diferentes mecanismos controlados a partir do fluxo sonoro e as interpretacións xestuais da zanfona. Partindo dunha formulación de Live vídeo créase un proceso pictórico en tempo real no que diferentes pigmentacións e ritmos transforman a nosa retina e os sons dixitais mestúranse de xeito orgánico coas sonoridades acústicas. Daquela, establécese un espazo de intercambio entre a síntese sonora contemporánea e as capacidades multitímbricas da zanfona concibida como un instrumento medieval. Como peche deste concerto, o terceiro dos programados nesta sexta edición de Sons Creativos, o Dj Dr. Think cerrará a sesión construíndo un remix co material sonoro do concerto. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo.