Última semana para participar no VII Concurso de Postais de Nadal da Fundación USC Deportiva

O VII Concurso de Postais de Nadal da Fundación USC Deportiva mantén aberto o prazo para a presentación de orixinais ata o vindeiro 9 de decembro. Cada participante poderá presentar un só traballo no que poderá empregar calquera técnica de debuxo, pintura ou collage que se axuste ás bases do certame. Esta iniciativa está dirixida a todos aqueles nenos e nenas nados entre os anos 2007 e 2016.
A temática da postal debe unir o Nadal e o deporte e, no caso de levar texto, deberá empregar a lingua galega. O premio consistirá nunha praza no Verán CampUSC 2020 e un vale de 100 € para trocar por material deportivo. Asemade, a imaxe gañadora formará parte da tarxeta de Nadal que elaborará para este ano a Fundación USC Deportiva.
Valorarase a calidade dos traballos tendo en conta a idade dos nenos e nenas, a imaxinación, a orixinalidade e a súa relación coa temática indicada. O fallo do xurado farase público o 17 de decembro de 2019 na web da Fundación USC Deportiva.