Ir o contido principal

Última semana para visitar a exposición ilustraMundos

A Televisión de Galicia está a emitir os 11 documentais sobre os ilustradores presentes na mostra que organiza campUSCulturae

Logo de tres meses de andaina, a exposición ilustraMundos que organiza CampUSCulturae pechará as súas portas no Colexio de Fonseca o vindeiro 20 de maio. Neste tempo, a mostra recibiu máis de 6.000 visitas, moitas delas pertencentes a centros de ensino de toda Galicia, entidades culturais e asociacións vencelladas co mundo da arte e da infancia. Dada a boa acollida da mostra, que obrigou a prorrogala un mes máis, o proxecto campUSCulturae decidiu dixitalizar os contidos de ilustraMundos creando así unha exposición virtual que inaugurará proximamente a web oficial do Museo Internacional da Ilustración, iniciativa única en Europa que a Culture Agency decidiu subvencionar, a través do programa “Culture”, ata 2016. Parte das obras expostas en ilustraMundos pasarán a formar parte dese fondo inaugural. A todo isto únese a divulgación que esta semana está a facer a Televisión de Galicia, coa emisión de 11 documentais dedicados a cada un dos ilustradores presentes na exposición e que tamén poden atoparse no facebook do proxecto campUSCulturae. Dez culturas Ilustramundos está configurada como unha viaxe por dez culturas do mundo, da man da obra dos ilustradores e ilustradoras Carme Solé Vendrell (Cataluña), Elena Odriozola (Euskadi), Kristina Sabaite (Lituania), Fernando Vilela (Brasil), Piet Grobler (Sudáfrica), Joanna Domanska (Polonia), Marc Taeger (Suíza), Mónica Weiss (Arxentina), Machiel Braaksma (Países Baixos) e dos galegos David Pintor e Antonio Seijas. A exposición forma parte dos contidos vencellados ao proxecto campUSCulturae, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela co cofinanciamento da Culture Agency da Comisión Europea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2012.