Últimas prazas do curso de iniciación á autodefensa

A Fundación USC Deportiva e o Servizo de Deportes da USC organizan un curso de iniciación á autodefensa que pretende abordar os conflitos, non só físico, cun enfoque máis aberto, construíndo deste xeito unha visión máis ampla, completa e actual da autodefensa. Así proporcionaranse recursos para dar resposta a potenciais situacións de risco, aprendendo o uso de técnicas eficaces en función das capacidades de cada persoa e das características da agresión. Ao mesmo tempo explicaranse técnicas de xestión de conflitos baseadas noutro tipo de habilidades e competencias destinadas a evitar o enfrontamento físico.
De total de 20 prazas ofertadas, unicamente quedan libres cinco. Todas as persoas interesas en participar, deberán formalizar a súa inscrición a través da web da Fundación USC Deportiva. O prezo do curso é de 35 euros.
Esta é unha actividade que se vai celebrar en Santiago os días 23 de xaneiro e 6 de febreiro, incluíndo sesións teóricas e prácticas. Destínase a calquera persoa interesada maior de 16 anos e impartirana Óscar e Sergio Lafuente López, ambos cunha dilatada traxectoria como adestradores no eido das artes marciais e titulados en autodefensa pola Real Federación Española de Karate, disciplina na que posúen o grao de 4º DAN.