Últimas prazas para participar no IV Fiadeiro de localización de software libre
As persoas interesadas en participar na cuarta edición do Fiadeiro de localización de software libre disporán ata este domingo 15 para matricularse. Nesta ocasión, o IV ETSE Open de SL proponse como obxectivo verter ao galego o editor de HTML BlueGriffon, o subtitulador de vídeos Universal Subtitles e a axuda de parte do Libre Office, o paquete ofimático de código aberto (de balde e xa localizado ao galego) desenvolvida por The Document Foundation como unha bifurcación de OpenOffice. Todo se fará en tres sesións, os días 19, 26 e 28 de abril. A tradución destas aplicacións faranas as persoas asistentes ao Fiadeiro, que primeiro aprenderán os procedementos de localización de software e a utilización de ferramentas específicas para logo aplicalos. Farano por parellas, a cada unha das cales se lle encomendará unha aplicación, e para iso contarán co asesoramento dos profesores do Fiadeiro, Antón Méixome e Enrique Estévez. Nesa xornada práctica partillarán ademais un lixeiro xantar, música e algunha proposta de lecer. O Fiadeiro está aberto a toda a comunidade universitaria, que verá recoñecido o seu traballo e a adquisición de novas habilidades lingüísticas e informáticas cun diploma de asistencia de 15 horas, cunha constancia da experiencia en tradución da aplicación encomendada. Ten tamén recoñecido 1 crédito de libre configuración curricular para todas as titulacións de 1º e 2º ciclo e está solicitado o recoñecemento como competencia transversal para os graos. Por outra banda, concederáselle o premio ‘Máis e mellor’ a aquela parella que traduza máis cadeas e con meirande calidade na sesión de localización, dotado en metálico con 0,80 € por palabra única traducida correcta. O IV Fiadeiro de localización de SL é unha actividade da Comisión de Normalización Lingüística da ETSE, organizada conxuntamente co Servizo de Normalización Lingüística e a colaboración de Trasno.