Últimos días para anotarse no curso de iniciación ao running e técnica de carreira
Conscientes de que cada ano xorden máis carreiras populares cun importante incremento de participantes, boa parte deles afeccionados ao deporte sen ningunha formación deportiva ou preparación específica, o Servizo de Deportes e a Fundación USC deportiva comezarán o luns 8 un curso no que se ofrecerán coñecementos sobre a adecuada práctica dos corredores que participen en carreiras populares de entre 5 e 12 km así como métodos de adestramento, técnicas de carreira e estiramentos. Este I Curso de Iniciación ao Running e Técnica de Carreira, destinado a corredores noveis maiores de 16 anos, dividirase nun bloque teórico e outro práctico de 6 horas cada un impartidos por Xavier Castro e Xiana Guerra, ambos os dous licenciados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e especializados no adestramento deportivo e no atletismo. As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Fundación USC Deportiva. O prezo do curso é de 90 euros e hai un máximo de 20 prazas, que serán asignadas en función da orde de inscrición.