Ir o contido principal

Últimos días para contemplar o cometa Neowise ao anoitecer

O mellor momento para ver o cometa é entre unha hora e hora e media despois da posta do Sol. FOTO: Manuel Astorgano
O mellor momento para ver o cometa é entre unha hora e hora e media despois da posta do Sol. FOTO: Manuel Astorgano
Este xoves 23 será o día no que o cometa se atopará máis cerca da Terra, a pouco máis de cen millóns de kilómetros
Lugo, Santiago de Compostela

O cometa Neowise que foi descuberto a finais do pasado marzo e fíxose visible a primeira ollada nos amenceres dos primeiros días de verán, pode verse agora nas primeiras horas da noite, unha vez que xa pasou polo punto de mínima distancia ao Sol (perihelio). “A mellor referencia para localizalo é o Carro da Osa Maior. Á súa esquerda e máis abaixo, sempre en dirección noroeste, localízase  facilmente con prismáticos, loxicamente desde lugares sen contaminación lumínica e con polo menos esa zona do horizonte despexada”, explica José Ángel Docobo Durántez, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

O mellor momento para velo é entre unha hora e hora e media despois da posta do Sol. “A partir do xoves, que é cando vai estar o máis preto posible da Terra, a pouco máis de cen millóns de kilómetros, o cometa irá perdendo brillo ata desaparecer”, continúa Docobo. O seu período orbital en torno ao Sol é de aproximadamente sete mil anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2020.