Ir o contido principal

Últimos días para inscribirse no Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Emprendemento

A plataforma habilitada para as inscricións pecharase o vindeiro 18 de setembro
A plataforma habilitada para as inscricións pecharase o vindeiro 18 de setembro
As persoas interesadas poden confirmar a súa participación, que poderá ser presencial ou por vídeoconferencia, ata o vindeiro 18 de setembro
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acollerá do 24 ao 26 de setembro o Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Emprendemento impulsado por GEM España, a través do grupo GEM Galicia, e a organización lusa CEE 2020. No Encontro, no que se rexistraron medio cento de traballos, poderase participar de maneira presencial ou por vídeo-conferencia, formalizando previamente  a inscrición a través da súa páxina web. A plataforma habilitada para as inscricións pecharase o vindeiro 18 de setembro.

O Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Emprendemento será un espazo,  presencial e virtual, de sinerxía entre España e Portugal, orientado á posta en común e debate de ideas, investigacións e propostas para o ecosistema emprendedor de ambos os dous países, e adquire especial importancia nun momento de incerteza como o actual.

Como destaca a organización do Encontro, coordinada polas profesoras da USC Loreto Fernández e Isabel Neira, “a actividade emprendedora ten amosado a súa capacidade no impulso da innovación e o desenvolvemento económico dos territorios”. Por esta razón, explican, “en momentos coma este cobra especial relevancia” todo o apoio que se lle poida prestar, neste caso dende os ámbitos da investigación e a educación de España e Portugal.

Nese sentido, o lema escollido para o Encontro –‘Novos horizontes de colaboración en emprendemento’– resulta “do máis axeitado para o contexto actual, no que o traballo común, os equipos multidisciplinares, a diversidade e a interculturalidade poden ser as claves para acadar os mellores resultados no ámbito do emprendemento”, conclúen as profesoras da USC.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.08.2020.