Ir o contido principal

Últimos días para inscribirse na xornada de orientación laboral para estudantes e titulados en enxeñaría que se celebra o 13

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
As persoas interesadas en participar neste programa poden inscribirse ata o luns 11 na conserxería da EPS de Enxeñaría de Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC favorece a busca activa de emprego de estudantes e titulados coa organización da xornada de orientación en inserción laboral ‘ A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas)’.

O obxectivo deste programa, estruturado en 26 horas de formación e que se desenvolverá os días 13 e 27 de febreiro, así como o 13 de marzo, pasa por achegar ao público participante as competencias transversais e as ferramentas necesarias tanto para a busca de emprego como para o emprendemento. As persoas interesadas en participar na primeira sesión destas xornadas poden formalizar a súa inscrición de balde ata o luns 11 de febreiro na conserxería da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC.

O primeiro dos tres bloques nos que se estruturan as xornadas ‘A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas’ xirará arredor das competencias que se precisan para a busca activa de emprego. A presentación da oferta formativa de posgrao da USC máis acaída para os intereses do alumnado da EPSE completará os contidos desta primeira sesión.

O programa previsto para a xornada do 27 de febreiro estará centrado no emprendemento e na creación de empresas. Esta sesión contará como relatores con especialistas da Área de Valorización e Transferencia de Tecnoloxía da USC, así como do Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, e rematará cunha visita ás instalación do Centro de Empresas e Innovación CEI Nodus do Concello de Lugo.

O último módulo destas xornadas, que se celebrará o 13 de marzo, pretende achegar o mundo empresarial ao estudantado e a egresados/as, a fin de coñezan de primeira man a situación laboral actual, as tendencias de mercado, os perfís máis demandados ou os procesos de selección de persoal, entre outros. As charlas serán impartidas por responsables de distintas empresas dos ámbitos forestal, agrícola e civil, así como por técnicos e representantes dos servizos de emprego das administracións públicas e dos Colexios Profesionais.

O alumnado de titulacións de grao na USC que participe nestas xornadas de orientación e inserción laboral poderán solicitar o recoñecemento dun crédito ECTS. O resto das persoas participantes que asistan cando menos ao 80% das actividades programadas recibirán un diploma acreditativo e de recoñecemento do aproveitamento destas xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2019.