Ir o contido principal

Últimos días de inscrición no curso de escrita de guións do Espazo de Cine da USC impartido por Pepe Coira

Un caderno para facer anotacións
Un caderno para facer anotacións
As sesións do seminario estruturado en 25 horas desenvolveranse os venres desde o 26 de febreiro ata o 7 de maio en liña ou na Vicerreitoría do Campus de Lugo
Lugo

O Espazo de Cine da USC, unha iniciativa posta en marcha pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, a través da Área de Cultura do Campus de Lugo para formar, crear e producir no ámbito do audiovisual, mantén aberto o prazo de inscrición no curso ‘O traballo de escribir un guión’, impartido por Pepe Coira.

O curso, dirixido tamén a  persoas alleas á comunidade universitaria, desenvolverase ao longo de oito sesións os venres desde o 26 de febreiro ata o 7 de maio, en quenda de 17.00 a 20.00 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. As sesións comezarán en liña ata que a situación sociosanitaria derivada da pandemia permita a súa celebración presencial.

Este módulo formativo impartido polo produtor cinematográfico e guionista lugués Pepe Coira está estruturado en 25 horas. O curso pretende dar resposta a tres cuestións básicas como o son para que serve un guión?, de que está feito? e como é o traballo dun guionista?.

A metodoloxía que rexe esta actividade combina aspectos teóricos e prácticos, se ben en todo caso o achegamento procura ir moi pegado á realidade da escritura do guión, á experiencia de ser guionista. Daquela, traballaranse dous tipos de exemplos: os xerados polo propio alumnado, conforme aos seus intereses e sensibilidades, e os traballos de encargo que formule o relator.

As persoas interesadas en participar na programación formativa do Espazo de Cine da USC poden formalizar xa a súa inscrición nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo ou a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2021.