Ir o contido principal

Últimos días de inscrición no Explorer ‘Mocidade con Solucións’

Cartaz do programa Explorer
Cartaz do programa Explorer
O programa, dirixido a persoas emprendedoras de entre 18 e 31 anos e que conta con espazos de coworking e desenvolvemento de iniciativas de negocio nos campus de Lugo e Santiago, contempla 12 semanas de formación e ofrece como premio unha viaxe a un polo europeo de innovación
Lugo, Santiago de Compostela

A plataforma global de emprendemento universitario Santander X mantén aberto ata este venres 18 de decembro o período de inscrición na undécima edición de Explorer ´Mocidade con Solucións´, unha iniciativa de impulso ao talento mozo promovida polo Banco Santander a través de Santander Universidades e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) en colaboración local coa USC, Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emprego, e a Deputación de Lugo.

O programa está destinado a mozas e mozos residentes en Lugo e Santiago entre 18 e 31 anos que, durante 12 semanas, poderán desenvolver as súas ideas de negocio e habilidades emprendedoras como o liderado, traballo en equipo ou habilidades de comunicación.

A novidade desta edición é a combinación de formación, recursos e charlas en liña con eventos presenciais nos Explorer Spaces de que dispón a USC nos seus campus de Compostela e Lugo, centros de coworking de alto rendemento onde desenvolverán as súas ideas de forma colaborativa, conectarán con outros emprendedores e recibirán asesoramento personalizado e mentorización.

Unha vez finalizado o proceso de formación de 12 semanas, o grupo de avaliación de cada Explorer Space decidirá que equipo -ata un máximo de tres membros- é o proxecto finalista de cada centro Space que gañará como premio un Explorer Trip, unha experiencia intensiva de inmersión e formación para todo o grupo por medio dunha viaxe dunha semana de duración a un polo de innovación europeo da man dunha institución educativa de prestixio durante o verán de 2021.

Sustentabilidade, autoemprego e soft skills

O programa Explorer, que na súa década de vida impulsou proxectos de máis de 8.000 emprendedores e xa ten xerado centos de empresas, convértese nesta nova convocatoria nunha proposta de formación emprendedora de vangarda, adaptada ao novo contexto de innovación global. A súa transformación dixital responde á necesidade de escalar un programa de éxito validado que abre a porta a un perfil de emprendedor más amplo en cantidade e diversidade de propostas.

Explorer conta cun marcado compoñente relacionado coa sustentabilidade, ao buscar solucións innovadoras vinculadas cos ODS 2030. Os candidatos deberán aliñar o seus proxectos cun ou varios dos ODS de Banco Santander: fin da pobreza, educación de calidade, igualdade de xénero, enerxía accesible e non contaminante, traballo decente e crecemento económico, redución das desigualdades, cidades e comunidades sostibles, produción e consumo responsable, acción polo clima e alianzas para lograr os obxectivos.

As entidades locais

Os Explorer Space da USC están localizados no Edificio Emprendia do Campus Vida, en Compostela, e na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE), no Campus de Lugo. Deste xeito, a Facultade de ADE eríxese como un espazo universitario para a creación de valor económico-social, sendo o emprendemento un dos eixos chave para chegar a tal fin. Ademais, os proxectos premiados neste centro contarán coa dispoñibilidade dun espazo de incubación para o seu proxecto na Fundación CEL, que colaboran activamente na difusión e desenvolvemento do programa entre o seu texido empresarial.

As actividades destes Explorer Space intégranse no programa de emprendemento da USC que se xestiona dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). As persoas interesadas en desenvolver a súa idea de negocio e optar aos premios, deberán presentar a súa candidatura (solos ou en equipos) a través da plataforma de emprendemento  Santander X. Para máis información  sobre o programa poden acceder a explorerbyx.org ou  contactar nos teléfonos: 881 815 582  (Santiago) e 982 822 854 (Lugo).

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2020.