Ir o contido principal

Últimos días de matrícula para os cursos intensivos de idiomas de verán

Alemán, árabe, catalán, checo, chinés, danés, eslovaco, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, lingua de signos, polaco, portugués, ruso e xaponés son, xunto coa iniciación ao vasco como novidade, os idiomas que o Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC ofrece este ano nos seus cursos intensivos de verán en Santiago. O programa de Lugo contempla aulas de alemán, francés, inglés, italiano, portugués e lingua de signos. A matrícula para os 27 cursos que se ofertan en total (iniciación e perfeccionamento) permanecerá aberta ata o 25 de xuño. Os cursos están pensados principalmente para o alumnado da USC que vaia estudar a unha universidade estranxeira cun programa de mobilidade durante o curso 2013-2014 pero tamén están abertos a outras persoas con interese nesas linguas así como a estudantes de ensino secundario que cumpran ao longo de 2013 os dezaseis anos Na aprendizaxe das clases, que se desenvolverán en horario de mañá ou de tarde entre os días 8 e 19 de xullo en Santiago e Lugo, darase maior importancia á práctica das destrezas orais que ás outras. Preténdese achegar ferramentas idiomáticas e comunicativas que permitan desenvolverse con certa soltura no país estranxeiro. As persoas interesadas que precisen mais información poden chamar entre as 11.30 e as 14.00 horas ao teléfono 8818 14443, escribir ao enderezo electrónico clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es) ou visitar o CLM na Casa dos Catedráticos, no Campus Vida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2013.