Ir o contido principal

Últimos días para participar na Aula Mocidade Emprendedora da Cátedra Bancaja da USC

Estudantes e licenciados poden formalizar a súa inscrición ata o vindeiro luns, 14 de febreiro

A actividade da Aula Emprendedores da Cátedra Bancaja da USC desenvolverase entre o 17 de febreiro e o 27 de abril, porén os estudantes e licenciados que o desexen aínda poden formalizar a súa inscrición. Concretamente, as persoas interesadas dispoñen ata o vindeiro luns 14 de febreiro para realizar a súa inscrición a través da web da USC. A personalidade emprendedora, o proxecto empresarial e o entorno emprendedor son os tres eixos arredor dos que se articula a actividade deste proxecto formativo da Cátedra Bancaja da USC. Así, o programa de desenvolvemento de habilidades profesionais foi deseñado co obxecto de dotar aos alumnos de ferramentas de traballo que completen o seu perfil académico, fortalecendo habilidades como a creatividade, a innovación, a comunicación interpersoal, o liderazgo e o traballo en equipo, entre outras. Estas capacidades potenciaranse a través de talleres dinámicos e videoforums, experiencias prácticas que poñerán a proba os coñecementos adquiridos. Outro dos eixos do programa da Aula Mocidade Emprendedora é o proxecto empresarial, o plan de desenvolvemento de ideas e negocios. A través de seminarios de participación activa analizarase o proceso de creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais, dende a localización de ideas ata a consolidación e crecemento dunha empresa. Como complemento final do programa, organizaranse unha series de visitas á Cámara de Comercio de Santiago, a empresa Casa Grande de Xanceda (Mesía, A Coruña) e ao polígono santiagués do Tambre, coa finalidade de coñecer o entorno emprendedor, terceiro eixo da actividade formativa. Por outra banda, ao longo do período de duración da aula, os participantes recibirán información puntual doutras actividades desenvolvidas por entidades e empresas que perseguen obxectivos similares. Este é o caso do Forum Ciceron para a busca de talentos, Woman in Business e a Xornada Emprende Compostela, entre outras. Para máis información pódese consultar a web da cátedra, http://www.catedrabancajausc.es/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2011.