Ir o contido principal

Últimos días para participar programas de mobilidade Erasmus, países de fala inglesa e Iberoamérica na USC

O prazo de solicitude das bolsas para o curso 2011-2012 remata o vindeiro 28 de xaneiro

Realizar estudos no estranxeiro é unha oportunidade que aínda está ao alcance da man para os estudantes da Universidade de Santiago. Concretamente, están abertas as convocatorias de prazas para cursar estudos de Erasmus, en países de fala inglesa e Iberoamérica durante o curso 2011-2012. Os alumnos que queiran optar a estas bolsas dispoñen ata o vindeiro venres, 28 de xaneiro, para formalizar a súa inscrición. É requisito común ás tres convocatorias estar matriculado na USC e ter superado o 15% dos créditos da titulación que estea a cursar e estar matriculados polo menos no segundo curso da súa titulación. As solicitudes efectuaranse en liña a través da Secretaría Virtual dos Estudantes e unha vez realizadas os candidatos deben entregar dúas copias das mesmas nos rexistros xerais da USC. Erasmus A Universidade de Santiago convoca para o curso académico 2011-2012 bolsas para diversas universidades europeas ao abeiro do programa Erasmus. Trátase de dar aos alumnos a posibilidade de realizar estudos recoñecidos pola USC, durante un período que estadía que estará comprendido entre os tres meses como mínimo e os doce como máximo. Unha vez rematado o prazo de solicitudes, levarase a cabo un procedemento de selección, que consta de dúas fases. Na primeira, valoraranse os criterios académicos e os candidatos deberán presentarse ás probas de nivelación dos idiomas dos países nos que desexen realizar a súa mobilidade. Na segunda fase de selección, a asignación de destinos será competencia de cada centro e, unha vez resoltas as reclamacións oportunas, será a Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua quen elabore unha proposta global e definitiva. Países de fala inglesa A USC ofrece tamén aos seus alumnos a posibilidade de optar a unha das 50 bolsas para cursar estudos en universidades de fala inglesa coas que ten formalizado convenio de cooperación bilateral, rede Tasset e o programa Isep. O período de intercambio será dun semestre ou un curso académico, neste caso o 2011-2012, aínda que de ser seleccionado no Isep poderá solicitarse unha prórroga por un segundo ano se se é aceptado nun programa Máster nos EEUU. O proceso de selección contará cunha única fase de valoración, na que se terán en conta o coñecemento de idiomas, o expediente académico e o perfil académico mediante entrevista. Os alumnos que acaden a bolsa Isep contarán con aloxamento e mantenza de balde durante o tempo de intercambio, mentres que os que resulten beneficiarios das de convenio bilateral e Tassep percibirán 1.500 euros, independentemente da duración da estadía. Iberoamérica O terceiro programa de mobilidade aberto é o de estudos en universidades de Iberoamérica coas que a USC ten formalizado convenio de cooperación bilateral. O período de intercambio será dun semestre ou curso. Para a selección de candidatos valoraranse os criterios académicos e lingüísticos, posto que no caso das universidades brasileiras terase en conta o coñecemento de portugués.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2011.