Ir o contido principal

Últimos días para preinscribirse en Verán CampUSC 2012

O próximo mércores 2 de maio remata o prazo de preinscrición para participar en Verán CampUSC 2012, unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer para o verán que permita conciliar a vida laboral e familiar neste período de vacacións escolares ao colectivo da USC. O programa diríxese a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos de idade, con condicións especiais para os que sexan fillos e fillas do cadro de persoal e estudantado da USC, de asistentes a congresos e cursos de verán da institución e do persoal da Fundación USC Deportiva. Verán CampUSC 2012 desenvolverase en quendas de luns a venres, en horario de 08:45 a 14:15 horas, entre o 25 de xuño e o 31 de xullo e desde o 3 ao 7 de setembro. A listaxe de persoas admitidas publicarase o 4 de maio, que poderán formalizar a súa praza ata o 18 do mesmo mes efectuando o pagamento. A programación inclúe actividades de ocio e tempo libre como obradoiros de pulseiras, máscaras, impresión á auga, cancións, excursións, e da práctica deportiva de esgrima, tenis, deportes de combate, psicomotricidade, atletismo, orientación, xogos predeportivos ou populares. Esta cuarta edición do Verán CampUSC está organizada pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC. Colaboran o Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco que, xunto coa Fundación, serán as dúas encargadas das actividades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2012.