Ir o contido principal

Últimos días para solicitar axudas a proxectos colaborativos entre grupos dun instituto de investigación

As propostas deberán estar vinculadas aos eixes da Axenda Científica do Instituto de investigación. FOTO: Santi Alvite
As propostas deberán estar vinculadas aos eixes da Axenda Científica do Instituto de investigación. FOTO: Santi Alvite
A Universidade financiará oito proxectos cun máximo de 18.000 euros para cada un e as propostas deberán estar vinculadas aos eixes da Axenda Científica do Instituto de investigación, indicando un eixe principal e outro secundario
Lugo, Santiago de Compostela

Financiar proxectos colaborativos entre dous ou máis grupos dun Instituto de investigación nun período de seis meses é a base na que se asenta a convocatoria publicada pola USC a través da súa Vicerreitoría de Investigación e Innovación. O obxectivo desta iniciativa é o de iniciar unha colaboración que frutifique na petición futura dun proxecto nunha convocatoria competitiva.

A Universidade financiará oito proxectos cun financiamento máximo de 18.000 euros para cada un. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través deste formulario normalizado. O prazo para o envío das mesmas será de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria interna.

Cada proposta de proxecto colaborativo presentada deberá contar coa participación de investigadores PDI adscritos a un Instituto de investigación pertencentes polo menos a dous grupos de investigación da USC. Pódese contemplar a posibilidade de engadir investigadores PDI de grupos alleos ao Instituto de Investigación. Os investigadores non poderán participar en máis dunha proposta de proxectos colaborativos.

As propostas deberán estar vinculadas aos eixes da Axenda Científica do Instituto de investigación, indicando un eixe principal e outro secundario. Adicionalmente, poderá xustificarse o aliñamento da proposta con algún dos eixes transversais do Instituto. Cada Instituto de investigación soamente poderá presentar un máximo de dúas propostas de proxectos.

Estas axudas están cofinanciadas no marco do Convenio de colaboración para o desenvolvemento de novas accións de I+D+i entre a USC e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o ano 2020.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2020.