Ir o contido principal

Últimos días para sumarse á XVII Olimpíada Solidaria de Estudo

Por cada hora de estudo do alumnado en bibliotecas da USC, as entidades patrocinadoras destinarán un euro para apoiar proxectos educativos en Ecuador e O Congo
Por cada hora de estudo do alumnado en bibliotecas da USC, as entidades patrocinadoras destinarán un euro para apoiar proxectos educativos en Ecuador e O Congo
Ata o 5 de decembro, por cada hora de estudo de cada alumno, destinarase 1 euro a proxectos solidarios en Ecuador e O Congo
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) e a Fundación Coopera impulsan a XVII Olimpíada Solidaria de Estudo, unha acción de educación para o desenvolvemento e de sensibilización que rematará o vindeiro 5 de decembro. Baixo o lema ‘Estou onde podo axudar’, por cada hora de estudo de cada alumno ou alumna, as entidades patrocinadoras destinarán un euro para apoiar proxectos educativos en Ecuador e O Congo.

Lograr formación profesional e persoal para 220 mulleres emprendedoras na provincia de Manabí en Ecuador, unha das máis afectadas no terremoto de 2016; así como a capacitación agrícola e apoio ás actividades comerciais das 463 mulleres integrantes da Plataforma Ecolo Femmes en Kivu Sur (O Congo) son as dúas causas ás que se destinarán os fondos recadados.

Para facer o cómputo total das horas habilitouse, como en anos anteriores, un terminal informático, no que o estudantado ten que introducir a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), no momento de entrar á sala e ao saír.

Dende o SEPIU, destacan que a USC é unha das entidades do Estado español que máis cartos recadou na Olimpíada do curso pasado e agardan que na edición deste ano volvan repetirse estes positivos resultados. Grazas á colaboración de 2.802 estudantes (952 homes e 1.850 mulleres), a décimo sexta edición da Olimpíada Solidaria de Estudo recadou en 2018, nas súas 18 bibliotecas, un total de 44.463 euros.

Na edición do ano pasado, no campus de Compostela acadáronse 37.535 horas de estudo, coa Biblioteca Concepción Arenal á cabeza, e no de Lugo 9.928. En terceiro, cuarto e quinto lugar, quedaron as facultades de Física, Filoloxía e Matemáticas, esta última cun aumento considerable de participación con respecto ao ano pasado. Para obter máis información sobre esta iniciativa, pode contactarse co SEPIU no 881 812 858 ou por correo electrónico no enderezo sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.