Ir o contido principal

Últimos días para visitar a mostra ‘A Minerva Compostelá’

A antiga biblioteca evócase no denominado Salón Artesoado, cos 22 retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882. FOTO: Santi Alvite
A antiga biblioteca evócase no denominado Salón Artesoado, cos 22 retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882. FOTO: Santi Alvite
Esta exposición que finaliza o sábado 22 de xaneiro, alberga unha presentación do Museo Virtual da USC xerando “unha conveniente relación entre as potencialidades do virtual e o coñecemento directo das obras”
Santiago de Compostela

Ata o vindeiro 22 de xaneiro, poderá visitarse a mostra ‘A Minerva Compostelá. As súas glorias’ que recolle parte da historia da USC recreando espazos do pasado. En concreto, pode accederse á exposición situada no Colexio de Fonseca, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, de luns a sábado.

Así, a antiga biblioteca evócase no denominado Salón Artesoado, cos 22 retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882. Neste mesmo espazo, móstrase tamén unha selección de libros que fan mención aos personaxes representados: nuns casos, aos seus propios escritos; noutros, ás doazóns feitas. Todos eles proveñen dos fondos da Biblioteca Xeral.

A capela é o lugar onde se alude á presenza dos vítores nos contextos universitarios mostrando, a través dunha galería de personaxes ilustres dos séculos XIX e XX, unha parte de quen foron os seus protagonistas. Neste caso óptase, como complemento á obra pictórica, por unha selección documental realizada dende os fondos existentes no Arquivo Histórico da USC.

Museo Virtual

Asemade, na sancristía realízase unha presentación do Museo Virtual da USC a través de códigos QR alusivos ao que alí pode verse. “Xérase desta forma, unha conveniente relación entre as potencialidades do virtual e o coñecemento directo das obras ás que se fai mención”, sinalan dende a organización da mostra. Con motivo desta exposición, unha serie de fondos pictóricos foron obxecto dunha restauración á vez que se melloraron os recursos das salas na súa montaxe en cuestións como a súa iluminación e son.

O grupo Milladoiro compuxo tamén dúas obras –unha para cada sala– concibidas para crear o ambiente axeitado en cada caso. A edición do catálogo da mostra complementa as pretensións dun proxecto que procura poñer en valor unha parte do patrimonio cultural da USC, seguindo a mesma liña xa practicada en 1995-1996 con motivo do seu Quinto Centenario. O profesor da USC, José Manuel García Iglesias, é o comisario da mostra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2022.