Ir o contido principal

Últimos días para visitar a mostra 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao'

Visitar 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' é unha oportunidade para redescubrir a obra de Castelao como riqueza da indumentaria tradicional galega. FOTO: Santi Alvite
Visitar 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' é unha oportunidade para redescubrir a obra de Castelao como riqueza da indumentaria tradicional galega. FOTO: Santi Alvite
O Colexio de Fonseca acolle ata o sábado 30 de agosto esta exposición pola que xa pasaron 58.000 persoas dende que fora inaugurada a comezos de xullo

A mostra 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' chega á fin do seu periplo expositivo logo de case dous meses emprazada no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca. O último día para profundar na obra de Daniel Rodríguez Castelao na que aparece representada a indumentaria tradicional galega será este sábado, 30 de agosto, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. As ultimas visitas guiadas polo comisariado terán lugar o mesmo sábado 30, ás 11.00 e ás 12.15 horas. Para asistir é preciso solicitar praza no enderezo electrónico seteespadelas [at] gmail.com (seteespadelas[at]gmail[dot]com). Ademais, o catálogo en produción pode ser aínda reservado. Dende a súa inauguración a comezos de xullo, arredor de 58.000 persoas percorreron xa este proxecto expositivo.

“As ilustracións, cargadas de forza e sensibilidade, dialogan cunha impresionante recreación tridimensional”, explican os comisarios José Luis Rodríguez Álvarez e David Quiñones Vázquez. Trátase de 55 manequíns vestidos con réplicas “que non deixan escapar nin un pregue, nin unha puntada, formando unha procesión silenciosa de figuras que parecen agardar por nós para falarnos”, engaden. A mostra alberga 600 pezas, cosidas con paciencia e rigor histórico, acompañadas de ourivería antiga e obxectos etnográficos. “A escenografía é teatro puro”, destacan en referencia ás luces que acariñan os traxes “coma se quixeran devolvelos ao serán dunha aldea, sombras que lembran lareiras acesas ou corredores onde as conversas entre os manequíns case poden escoitarse”.

Memoria e identidade

O coidado no detalle e o rigor histórico das pezas, unidos á beleza e forza visual da posta en escena, están a provocar unha resposta “entusiasta” entre o público “que non deixa de abarrotar a sala e compartir a súa experiencia nas redes e nas conversas do verán compostelán”. En palabras de Rodríguez Álvarez e Quiñones Vázquez, “esta exposición é un xeito de recordar que a indumentaria tradicional non é só vestimenta, senón memoria, identidade e relación colectiva. Castelao, rianxeiro de nacemento e universal por destino, pintou estes traxes facendo deles un símbolo da nosa identidade”.

Visitar 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' é unha oportunidade para redescubrir a obra de Castelao como riqueza da indumentaria tradicional galega, que forma parte da memoria colectiva e que, grazas a esta iniciativa, “revive con máis cor e vida ca nunca”. Recubertos en liño do país, os manequíns con base de madeira e brazos articulados mostran reproducións fidedignas de traxes tradicionais galegos que aparecen nos óleos, acuarelas, gravados e bosquexos de Castelao. Cada manequín vai acompañado de utensilios e antigüidades para completar a escena a representar.

A exposición, froito da colaboración entre USC, a Asociación Etnográfica Sete Espadelas e o Concello de Santiago, conta tamén con reproducións da obra gráfica de Castelao en diferentes formatos e tamaños, ourivería tradicional, paneis con información das obras expostas e dos traxes amosados, vitrinas con material gráfico e documental relacionado coas pezas do corpus expositivo, así como un audiovisual para a proxección na sala.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.08.2025.