Ir o contido principal

A Unidade de Atención Temperá especialízase nos mellores métodos de diagnóstico do autismo

Os profesionais da Unidade empezarán a poñelos en práctica na USC

Profesionais da Unidade de Atención Temperá da USC veñen de participar nun curso de especialización organizado pola Universidade de Oxford no que coñeceron os mellores métodos para diagnosticar eficazmente o autismo e que van empezar a poñer en práctica nas súas instalacións da Facultade de Psicoloxía.
Da man dun dos investigadores sobre o trastorno do espectro autista máis prestixiosos de Europa, o profesor Anthony Bailey, os expertos da USC especializáronse no método ADOS, un completo sistema que se basea na observación da conduta de suxeitos con sospeita de trastornos do espectro autista.
En suxeitos moi diferentesAs actividades estruturadas e os materias proporcionados ofrecen contextos estandarizados nos que se observan as interaccións sociais, a comunicación e outras condutas relevantes para este diagnóstico.
Estruturado en catro módulos, cada suxeito é avaliado só co adecuado á súa idade e nivel de comunicación verbal. A vantaxe deste tipo de métodos é que se pode aplicar a suxeitos de moi diferentes idades (dende nenos a adultos), con distintos niveis de desenvolvemento e cunha comunicación verbal moi dispar, dende aqueles sen fala a aqueles cunha fala fluída. Inclúe, ademais, puntos de corte para o diagnóstico.
Xunto aos profesionais da Unidade de Atención Temperá da USC, no curso tamén participaron investigadores de lugares como Reino Unido, China, Rumania ou Qatar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2009.