Ir o contido principal

A Unidade de Atención Temperá da USC axudará a pais e nais e docentes a detectar e intervir en casos de acoso entre menores

O 22 de maio especialistas da Unidade ensinarán os protocolos a seguir para previr o bullying

A Unidade de Atención Temperá da USC que dirixe a profesora Mª José Buceta axudará aos pais e nais e aos docentes de centros educativos e escolas infantís a detectar, previr e intervir en casos de acoso escolar de menores contra menores. Será nunha xornada informativa na que os especialistas da Unidade en psicoloxía afondarán nos protocolos que deben seguir tanto docentes como os pais e nais en casos de acoso escolar, tanto se son quen os sofren como se son os acosadores. A Unidade de Atención Temperá xa abriu o prazo para participar na xornada, que se celebrará o vindeiro 22 de maio pola tarde nas instalacións da Unidade, na facultade de Psicoloxía. Trátase dunha actividade gratuíta con prazas limitadas, polo que os interesados deberán preinscribirse no enderezo mjosecarmen.buceta [at] usc.es (mjosecarmen[dot]buceta[at]usc[dot]es). O acceso á xornada realizarase por rigorosa orde de inscrición. Máis dunha década na USC A Unidade de Atención Temperá leva máis dunha década traballando no seno da Universidade, tempo no que tratou a máis de 2.500 menores afectados por trastornos ambientais con factores de estres, exclusión social, trastornos na linguaxe ou algún tipo de enfermidade rara, entre outros. Composta por un equipo multiprofesional do ámbito social, educativo e psicolóxico, a Unidade conta con salas de logopedia, de terapia de xogo, de atención temperá, de investigación, estimulación precoz e atención psicopedagóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.04.2013.