Ir o contido principal

A Unidade de Atención Temperá da USC lanza un programa gratuíto de conciliación familiar

Todas as mañás de xullo organízanse obradoiros con xogos para ensinar os nenos e nenas a importancia do descanso

A Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago pon en marcha este mes de xullo o programa de conciliación familiar 'Aprende a descansar, aprende a sorrir', unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 13 anos na que aprenderán a descansar e a relaxarse durante as vacacións, preparándose así cara ao novo curso. O equipo de profesionais da psicoloxía e pedagoxía da Unidade -dirixida pola profesora María José Buceta- empregarán xogos e técnicas específicas de relaxación coa intención de que dunha maneira lúdica aumenten a seguridade en si mesmos, teñan maior capacidade de afrontar medos e temores e poidan diminuír posibles casos de ansiedade ou episodios impulsivos. 'Aprende a descansar, aprende a sorrir' desenvolverase todas as mañás de xullo (de luns a venres) en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas instalacións da Unidade Temperá do Campus Vida. Os interesados en participar neste programa de conciliación familiar gratuíto deberán solicitalo no enderezo electrónico a mjosecarmenbuceta [at] usc.es (mjosecarmenbuceta[at]usc[dot]es) ou chamando ao 697 13 73 43.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2013.