A Unidade de Xestión Forestal sostible da EPS presenta unha recompilación de traballos sobre produción forestal
O Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o director da EPS, Javier Bueno; e o coordinador da Unidade de Xestión Sostible da Escola Politécnica Superior de Lugo, Alberto Rojo; asistirán á presentación do libro Herramientas selvícolas para la gestión forestal sostenible en Galicia que terá lugar o luns 15 ás 12:00 horas no Salón de Actos do Departamento Territorial de Sanidade da Xunta de Galicia en Lugo (rúa Montevideo, nº91).
Este libro é unha recompilación e actualización dos traballos sobre crecemento e produción forestal realizados nos últimos quince anos por membros e colaboradores do grupo de investigación ‘Unidade de Xestión Forestal Sostible’ (UXFS) da EPS de Lugo, e que foi editado pola Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia.
Neste traballo preséntanse as ferramentas silvícolas dispoñibles na actualidade para a xestión sostible das masas das principais especies forestais galegas, como é o caso das curvas de calidade de estación, as táboas de produción, os modelos de árbore individual, as tarifas de biomasa e de contido de carbono, ou as ecuacións que permiten estimar o diámetro.
O obxectivo desta obra é dar a coñecer esas ferramentas entre os silvicultores e xestores forestais, investigadores, docentes e estudantes de facultades e centros de investigación forestais de Galicia e doutras rexións, así como facilitar o seu emprego mediante aplicacións informáticas de sinxelo manexo que acompañan ao libro nun CD.