Ir o contido principal

A Unidade de Xestión Forestal Sostible presenta aos técnicos do sector o resultado das súas últimas investigacións

De esquerda a ndereita, Alberto Rojo, Xosé Luís Chan e Roque R. Soalleiro, durante a inauguración da xornada de difusión de resultados da Unidade de Xestión Forestal Sostible
De esquerda a ndereita, Alberto Rojo, Xosé Luís Chan e Roque R. Soalleiro, durante a inauguración da xornada de difusión de resultados da Unidade de Xestión Forestal Sostible
Expertos da Administración, empresas, colexios oficiais ou centros de formación forestal, así como profesores e estudantes universitarios, asistiron ao encontro na EPS de Lugo

A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo celebra o luns 29 a cuarta xornada de difusión de resultados das súas principais liñas de investigación, dirixida a profesionais do sector, tanto de empresas privadas como da Administración pública, así como dos colexios oficiais, entidades acreditadoras e centros de capacitación, ademais de profesores e alumnos das titulacións universitarias vinculadas a este sector en Galicia, aínda que entre os máis de cen asistentes á xornada había tamén expertos procedentes de Asturias, País Vasco e México. O acto inaugural do encontro, celebrado no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, contou coa presenza do subdirector Xeral de Montes da Xunta de Galicia, Xosé Luís Chan Rodríguez; Alberto Rojo, director da UXFS; e Roque R. Soalleiro, membro da UXFS e coordinador da xornada. Tras a inauguración desenvolveuse un primeiro relatorio que centrado nos resultados do IV Inventario Forestal Nacional, a cargo de Roberto Vallejo, xefe da Área de Inventario e Estatística Forestal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. A continuación, o profesor Ulises Diéguez falou sobre a aplicación GesMO, desenvolvida na propia EPS para a simulación do crecemento en especies como carballo, bidueiro ou eucalipto en diferentes condicións. O profesor David Miranda, en representación do Laboratorio do Territorio da USC, foi o encargado de presentar o sistema LiDAR (Light Detection and Ranging) aerotransportado para a elaboración de modelos dixitais de localización e volume de masas forestais. A última das intervencións correu a cargo do profesor Guillermo Riesco e centrouse na predición da calidade tecnolóxica da madeira a partir das características externas de fustes e toradas. A actividade da mañá pechouse cunha visita ao laboratorio de ensaios estruturais da madeira, da man do profesor Manuel Guaita. A sesión de tarde consistiu nunha visita á parcela de Pinus radiata que a UXFS ten no concello lucense de Begonte, e onde se vén realizando un estudo sobre a aplicación de claras e podas para prevención de incendios desde 2004. Así mesmo, os participantes na visita puideron asistir a unha demostración do sistema LiDAR terrestre e outra sobre a avaliación da calidade da madeira mediante equipos sónicos, ademais dunha clase práctica sobre os problemas causados polos perforadores en coníferas. Os profesores Alberto Rojo, Roque Rodríguez e Fina Lombardero e o investigador Eduardo González, participaron na visita, na que tamén estará a investigadora Esther Merlo, da empresa de servizos forestais Madera+. Plano xeral dos asistentes á xornada

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2012.