Uniemprende promove un certame de fotografía e un concurso de ideas de marketing para produtos de cooperativas
O programa Uniemprende da USC colabora co Concello de Lugo na promoción dos valores do cooperativismo entre a mocidade, a través de dous certames que inciden nos valores de solidariedade e voluntariedade, e nos que se pode participar ata o vindeiro sábado, 31 de outubro.
O primeiro certame no que colabora o programa de creación de emprego da USC trátase dun concurso de fotografía, que debe facer referencia ao cooperativismo e aos valores que o inspiran. Cada persoa deberá presentar unha obra realizada con cámara fotográfica ou teléfono móbil, e presentala no Rexistro Xeral Municipal nun sobre pechado, asinado cun seudónimo, e incluíndo outro sobre cos datos persoais do participante. O gañador terá como premio unha cámara fotográfica profesional SONY DSCW290.
Co segundo concurso, Uniemprende pretende estimular e apoiar a comercialización de produtos e servizos cooperativos mediante propostas innovadoras de marketing que chamen a atención do potencial cliente e propicien a súa compra. Neste certame pode participar o alumnado dos centros de ensino secundario, de FP e do Campus de Lugo, de xeito individual ou colectivo, optando ao premio dun ordenador portátil Netbook.
O xurado estará composto por representantes da Concellaría de Economía e Emprego, de Xuventude, da Delegación Provincial do Consello Galego de Cooperativas, da USC e de Artes Aplicadas.