Ir o contido principal

Uninova analizará nun curso a incidencia que a reforma do Plan Xeral Contable terá para as empresas

Uninova, a incubadora de empresas da USC, organiza este mércores 12 e o xoves 13 un curso que pretende poñer de manifesto a incidencia que a reforma do Plan Xeral Contable terá na xestión das empresas. Esta reforma é o resultado da adaptación da contabilidade española ás Normas Internacionais de Contabilidade e ás Normas Internacionais de Información Financeira.
O curso está dirixido tanto a técnicos dedicados ao asesoramento empresarial como a emprendedores e empresarios de calquera área de actividade. O número de empresas que asistirán ao curso será de 20, pertencentes a diversos sectores de actividade.
Ao longo destes dous días de encontro vaise realizar unha análise comparativa co anterior Plan contable de cara a evidenciar as principais diferenzas, as vantaxes que ofrece o novo e os cambios que introduce nas aplicacións informáticas de xestión.
Segundo os responsables do curso, a reforma contable xa é unha realidade polo que todas as empresas deben ter adaptada a súa contabilidade a este Novo Plan dende o 1 de xaneiro de 2008. O novo plan supón non só un cambio na xestión contable, senón tamén unha adecuación das aplicacións informáticas contables e de xestión empresarial.
Proxecto Europeo TransticEsta xornada forma parte das actividades do Proxecto Europeo TRANSTIC (Programa Transfronteirizo para a Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC), enmarcado dentro da iniciativa Europea Interreg III-A, que tenta impulsar a xeración de contactos e relacións de cooperación comercial ou tecnolóxica tanto entre empresas vinculadas ao sector das tecnoloxías da información e ás comunicacións como entre estas é as PEMES (potenciais demandantes dos seus servizos). Desta forma fomentarase a aparición de oportunidades de negocio transfronteirizas das microempresas, aproveitando as novas oportunidades ofrecidas polas TIC.
O proxecto permitirá formar a un equipo de técnicos especializados, en cada unha das rexións participantes, capaces de impulsar a aparición de contactos comerciais e oportunidades de negocio transfronteirizos das microempresas da zona, aproveitando as novas oportunidades ofrecidas polas TIC, así como tamén de definir accións formativas destinadas a impulsar a utilización das novas tecnoloxías no tecido empresarial fomentando a colaboración con empresas do sector.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2008.