Uninova celebra a Semana do Emprendemento Universitario cun seminario de creación de empresas en novembro
A Facultade de Matemáticas da USC acollerá no mes de novembro a Semana do Emprendemento Universitario, organizada pola incubadora de empresas da USC Uninova e cofinanciada polo proxecto Europeo Transtic da Iniciativa Comunitaria Interreg IIIA.
O obxectivo desta cita, que leva por título “O que te interesa saber antes de crear a túa empresa”, é facilitar aos alumnos universitarios con escaso coñecemento sobre xestión empresarial os criterios de análise precisos á hora de poñer en marcha unha nova iniciativa empresarial.
A Semana do Emprendemento desenvolverase entre o 12 e o 16 de novembro en horario de tarde (de 16:00 a 21:00 horas) na Aula Magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, no Campus Sur.
Serán un total de cinco sesións nas que se analizará a idea empresarial articulándoa nun plan de empresa que recolla os aspectos fundamentais, tales como a integración da empresa no seu contorno, análise do plan director da empresa e análise do factor económico. Adicionalmente analizaranse as axudas existentes para iniciativas empresariais procedentes do público universitario e contarase coa participación dun caso de éxito dunha empresa pertencente ao sector das TIC.
O curso está destinado a alumnos universitarios procedentes de todas as titulacións e ten carácter gratuíto, polo que a inscrición será por rigoroso orde de inscrición. A información sobre o curso pode consultarse a través de Uninova, no número de teléfono 981 519 600 ou na dirección de correo eléctrónico monica [at] uninova.org (monica[at]uninova[dot]org). A inscrición, que ten como fin de prazo o día 7 de novembro, xestiónase en http://www.uninova.org/semanaEmprendementoUniversitario.