Uninova celebra unha xornada sobre o uso de internet na empresa
A incubadora de empresas da USC Uninova organiza este xoves, día 25, unha xornada formativa sobre a utilización da Internet no ámbito empresarial. Cun carácter eminentemente práctico, o encontro celebrarase na aula 1 de informática da Facultade de Dereito, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
O obxectivo desta iniciativa é impulsar a utilización das novas tecnoloxías nas empresas de recente creación, así como sensibilizar aos emprendedores sobre os beneficios que pode supoñer o seu correcto e óptimo uso. Hoxe en día as tecnoloxías da información e as comunicacións son ferramentas fundamentais para o manexo da información das empresas e un bo coñecemento das mesmas é imprescindible.
Nesta xornada vanse tratar, entre outros aspectos, o correo electrónico (configuración, acceso e encriptación), as medidas de seguridade (ameazas e solucións), as buscas eficientes en Internet (motores e buscas por temas) e a utilización de ferramentas colaborativas, e dicir, o acceso a un mesmo documento da empresa por parte de diferentes traballadores.
Esta actividade está financiada polo Proxecto Europeo TRANSTIC (Programa Transfronteirizo para la Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC), dentro da iniciativa Europea Interreg III-A. Os principias obxectivos do proxecto son os de promover a utilización das novas tecnoloxías nas PEMES galegas, así como impulsar a creación de empresas TIC e a cooperación transnacional no sector.