Uninova organiza unha nova edición do Seminario de Planificación Empresarial
A incubadora de empresas da USC Uninova, en colaboración co Bic Galicia, organiza unha nova edición do Seminario de Planificación Empresarial que se desenvolverá dende este martes, día 6, na aula de formación da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (r/ Casas Reais, 8) en horario de 16.00 a 21.00 horas.
O Seminario desenvolverase ao longo de sete sesións presenciais nas que se tratará de explicar os conceptos necesarios para elaborar o Plan de Empresa de cada un dos proxectos participantes. O Plan é unha ferramenta que permitirá responder a preguntas tan importantes nun proxecto empresarial como o volume de negocio necesario para a súa viabilidade, a busca de clientes, ou as necesidades de financiamento.
Paralelamente ás sesións, ofrécese a cada proxecto a axuda personalizada e individualizada dun titor que prestará o asesoramento necesario para contrastar que unha idea se pode converter nun proxecto viable de empresa. O programa do seminario permitirá coñecer os conceptos básicos necesarios para a elaboración do plan de empresa, deseñar e elaborar o propio plan ou contrastar a súa viabilidade.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a Uninova no teléfono 981 519600 ou no enderezo de correo electrónico info [at] uninova.org (info[at]uninova[dot]org).