Uninova organiza unha xornada práctica sobre a optimización das TIC na empresa
A incubadora de empresas da Universidade de Santiago, UNINOVA, organiza este martes 9 unha xornada eminentemente práctica onde os alumnos serán formados na optimización das ferramentas TIC na empresa. A sesión celebrarase na aula 1 de informática da Facultade de Dereito, en horario de 16:00 a 20:00, e comezará cun acto presidido polo xerente de UNINOVA, Gustavo Marcos Cancelas.
O obxectivo destas xornadas é o de impulsar a utilización das novas tecnoloxías nas empresas de nova creación así como trasladar aos emprendedores os beneficios que pode supoñer o seu correcto e óptimo uso, xa que hoxe en día as TIC transformáronse na principal ferramenta para o manexo de toda a información que entra e sae da empresa.
A xornada constará de dúas partes perfectamente diferenciadas, a primeira delas tratará sobre a integración de diferentes ferramentas ofimáticas, como por exemplo a importación de datos dun programa a outro ou a combinación de correspondencia entre os distintos programas específicos. A segunda centrarase na utilización de ferramentas colaborativas, é dicir, a forma de cómo varias persoas da empresa poden acceder a un documento e traballar nel ao mesmo tempo.
Esta xornada, está financiada polo Proxecto Europeo TRANSTIC (Programa Transfronteirizo para la Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC), dentro da iniciativa Europea Interreg III-A. Os principias obxectivos do proxecto son os de promover a utilización das novas tecnoloxías nas PEMES galegas, así como impulsar a creación de empresas TIC e a cooperación transnacional no sector.