Unións Agrarias informa sobre as repercusións da Política Agraria Común a estudantes e docentes do campus de Lugo

A organización profesional agraria Unións Agrarias (UU.AA.) trasladou este martes á Escola Politécnica Superior do campus de Lugo a súa campaña de informativa e divulgativa da Política Agraria Común, unha iniciativa que se desenvolve baixo o lema ‘A PAC e as súas repercusións na cidadanía europea’.
Este programa de divulgación da nova Política Agraria Común (PAC) contou cun posto informativo na entrada da cafetería da Escola Politécnica, onde diversos membros da organización sindical Unións Agrarias repartiron diverso material divulgativo entre os estudantes e os docentes que se achegaron a solicitar información. A vaca ‘PACa’, deseñada por Unións Agrarias e que se ten convertido na mascota desta campaña, foi o gran atractivo deste acto de divulgación dunha campaña, a través da que se pretende dar a coñecer aos diferentes colectivos da sociedade urbana, a historia e a evolución da PAC, as funcións e utilidades deste programa europeo, os retos aos que se enfronta, ademais das oportunidades que ofrece á poboación. A campaña informativa ‘A nova PAC e as súas repercusións na cidadanía europea’ chega ao campus de Lugo logo de ter percorrido numerosos centros educativos de ensino primario, secundario e tamén distintas universidades. Esta iniciativa de divulgación tamén estivo presente en máis de 40 localidades do territorio nacional e tamén deu pé á organización de diversos seminarios e relatorios, organizados coa pretensión de trasladar ao público as singularidades deste programa europeo, ademais de sensibilizar sobre a importancia da actividade agraria. A maioría da poboación descoñece que a metade do solo dos distintos estados que conforman a Unión Europea está dedicado a usos agrarios, nin tampouco saben que na UE existen uns 14 millóns de agricultores, segundo lembrou a técnico de Unións Agrarias Paula Conte, que tamén significou que a agricultura xera o 6% do PIB europeo.