Ir o contido principal

O Unistem Day 2014 mostrou na Facultade de Medicina as particularidades das células nai a estudantes de secundaria

Participaron preto de 250 rapaces e rapazas de seis centros de ensino secundario de Compostela. Foto: Servimav-USC
Participaron preto de 250 rapaces e rapazas de seis centros de ensino secundario de Compostela. Foto: Servimav-USC
Esta é unha iniciativa que reúne simultaneamente a 20.000 escolares de Irlanda, Reino Unido, Suecia, Italia e España

Preto de 250 estudantes de seis centros de secundaria de Compostela coñeceron de primeira man as particularidades da investigación con células nai, dende os conceptos básicos e aplicacións actuais ata as limitacións para a súa aplicación e manexo. Estes foron os contidos das xornadas Unistem Day 2014 cuxa celebración se desenvolveu simultaneamente este venres 14 en 45 universidades europeas de Irlanda, Reino Unido, Suecia, Italia e España coa participación de máis de 20.000 estudantes de secundaria. A Facultade de Medicina da USC foi un dos seis centros que acollen esta iniciativa en España. A xornada brinda unha oportunidade para a aprendizaxe, o descubrimento e o debate sobre a investigación con células nai, así como para a reflexión sobre as expectativas que suscitan estes estudos. Preténdese estimular o interese e as vocacións dos máis novos pola investigación científica a partir do coñecemento destas células e mostrarlles as liñas de investigación que se realizan dende a USC. A participación española complétase coas achegas das Universidades de Barcelona, Murcia, Valladolid, Autónoma de Madrid e Autónoma de Barcelona. O encontro realízouse no marco da Rede de Terapia Celular e está coordinado polo investigador da Facultade de Medicina da UB, Josep M. Canals. En Compostela, o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, deron a benvida aos participantes. Logo dunha serie de conexións coas outras universidades nacionais participantes así como con centros de Italia, comezaron as charlas cunha sesión introdutoria ás células nai, para continuar falando dos avances, limitacións e perspectivas de futuro das células nai da terapia celular. Xogo de rol

Entre as actividades que se realizaron, figuraba tamén a participarán nun xogo sobre o uso das células nai no que se debían completar as fases que segue unha delas para a rexeneración dun óso ou ordenar cartas de pistas para construír o proceso que experimenta unha destas células no seu desenvolvemento. O xogo deseñárono Mónica Pardo e Gerardo García, investigadores do Departamento de Bioloxía Celular, Inmunoloxía e Neurociencias da Universidade de Barcelona.

Abriron a xornada Juan Gestal, Francisco González e o investigador José Luis Labandeira. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2014.