A Universidade analiza o Camiño de Santiago no Salnés como un enorme espazo de comunicación
O curso ‘O Camiño de Santiago no Salnés, Comunicación e Medio Natural’ da Universidade de Santiago que se desenvolverá en Cambados e Vilanova de Arousa, do 28 de xullo ao 1 de agosto, concentrará no Salnés no marco da 'Universidade de Verán' a especialistas e profesionais dos medios de comunicación que abordarán a cuestión Xacobea dende unha perspectiva multidisciplinar que abarcará temas xurídicos, literarios, ecolóxicos, en saúde e na divulgación medioambiental. Trátase dun curso que pretende fortalecer a idea de que o Camiño de Santiago, ademais dunha ruta para os peregrinos, é unha mestura secular de natureza e patrimonio en convivencia coa sensibilidade ambiental, espiritual, deportiva e cultural, como argamasa para ensamblar o pasado co porvir. Así o definiu o director do curso, Luís Celeiro, durante a súa presentación celebrada este venres 6 en Cambados “un enorme espazo de comunicación polo que transitan ideas e diversidade de pareceres”. No acto tamén compareceron Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa e presidente da Mancomunidade do Salnés; Luís Aragunde, alcalde de Cambados; Celestino Lores, presidente da Fundación de Amigos do Camiño Portugués, e Xoán Piñeiro Cochón, secretario do curso. Todos valoraron moi positivamente a iniciativa universitaria de poñer en marcha o curso, en colaboración coa Mancomunidade do Salnés, da que forman parte os concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e O Grove. O curso ten 30 horas lectivas e a Universidade de Santiago recoñécelle dous créditos para as diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas, e dous tamén para as titulacións de Grao adaptadas ao EEES (créditos ECTS, cun máximo de 6 créditos recoñecibles por actividades de representación estudantil, actividades deportivas, actividades culturais e actividades solidarias e de cooperación). O número de prazas está limitado a 50 e cubriranse por orde de matrícula. O custe da matrícula é de 70 euros para os estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional ou bacharelato, pensionistas e persoas desempregadas. Aqueles que non pertenzan a estes colectivos terán unha taxa de 120 euros. Programa O luns, 28 de xullo, despois da inauguración oficial, Ramón García Guinarte fará un relatorio sobre ‘A promoción do Salnés, un ben compartido’ e, seguidamente, expertos como Celestino Lores, Segundo Vázquez Portomeñe, Francisco Singul e Javier Sánchez-Agustino debateran sobre a Rota Xacobea no Salnés. O mesmo día, pola tarde, dous catedráticos da USC, Francisco Fernández Rei e Luís Hueso Montón pronunciarán cadansúa conferencia, a do primeiro titulada ‘Arousa, un mar de terras e de paisaxes literarias’ e a outra relativa á cinematografía no Salnés. A flora e fauna no Complexo intermareal Umia-O Grove será o tema a tratar pola profesora Goretti Fariña e, na segunda hora deste segundo día do curso, Alfredo Conde falara dos ‘Camiños do mar’. Rematará a Xornada José Carro Otero, dando a coñecer os achados no xacemento antropo-arqueolóxico de Adro Vello no Grove. A seguinte xornada centrarase na análise da Lei de Protección Ambiental de Galicia, a cargo de Enrique Gómez-Reino e Antía Celeiro Muñoz; nas explicacións de José Antonio Ballestero, do ‘Camiño de Santiago e o Dereito Penal’, e no relatorio de Marina Pereira sobre as exencións fiscais. Pechará a quenda de intervencións a profesora da Universidade Complutense de Madrid, Sonia Parrat, cun relatorio sobre ‘A información ambiental e os medios de comunicación’. Pola tarde, o día 30, os asistentes ao curso participaran nunha camiñada pola Rota da Pedra e da Auga, dende Barrantes ata o Mosteiro de Armenteira. ‘O Camiño de Santiago e o Medio Natural como recursos educativos’ é o titulo da conferencia coa que o catedrático Miguel Santos Rego abrirá a cuarta xornada do curso, na que intervirá seguidamente o cirurxián cardíaco e profesor de Medicina, Ángel Fernández, e o catedrático e xefe do Servizo de Anestesia do Complexo Hospitalario de Santiago, Julián Álvarez Escudero, para falar, respectivamente, do ‘Camiño de Santiago e o Medio Natural, riscos e beneficios para a saúde’ e do ‘ Medio Natural no Camiño de Santiago, axente patóxeno e terapéutico’. Pechará esta xornada un relatorio de Xosé López García titulado ‘Factores noticiosos no Camiño’. Os xornalistas, Manuel Blanco, delegado de La Voz de Galicia en Pontevedra; Xosé Pereira, director de Diario de Arousa; Pedro Pérez, director de Diario de Pontevedra, e Antonio Touriño, delegado de Faro de Vigo en Arousa, participarán nunha mesa redonda sobre ‘Xornalismo e medios de comunicación na Ría de Arousa’, moderada pola xornalista da Televisión do Salnés, Raquel Laíño. A conferencia de peche do curso será ‘A linguaxe da natureza’ e correrá a cargo de Joaquín Araújo Ponciano, naturalista, escritor e divulgador de temas ecolóxicos e filosóficos. As persoas interesadas en participar no curso teñen de prazo para formalizar a matrícula ata o 18 de xullo e poden facelo a través da web ou de modo presencial nas áreas de cultura de calquera dos dous Campus da USC.