Ir o contido principal

A Universidade BAMU de Aurangabad en India interésase por Granxafamiliar.com, un proxecto creado na USC

O profesor Ferrás, segundo pola esquerda, dirixe o proxecto na USC
O profesor Ferrás, segundo pola esquerda, dirixe o proxecto na USC
Pretenden desenvolver a iniciativa na rexión de Bombay

O grupo de investigación ‘Sociedade, Tecnoloxía e Territorio’ do Idega da USC (Gist. Idega) recibiu a visita dunha delegación da Universidade BAMU de Aurangabad en Maharashtra State-India para coñecer o seu sistema de xestión de información para o desenvolvemento da agricultura familiar que se fundamenta no espazo web http://www.granxafamiliar.com e no museo etnográfico virtual piloto http://www.galiciaautentica.org. A delegación universitaria de India, que pretende desenvolver esa iniciativa na rexión de Mombay, reuniuse co director do proxecto na USC, o profesor Carlos Ferrás, dando continuidade aos contactos que comezaron en maio de 2013 coa visita a unha granxa familiar galega en Casa dos Caseiros, na aldea de Xornes-Ponteceso, que participa no proxecto. Nestes sucesivos encontros xurdiron intereses compartidos entre Galicia e Maharashtra respecto ao impulso e valorización da agricultura familiar como unha estratexia de desenvolvemento económico rexional e obxectivo de investigación e innovación. Ábrese así un calendario de traballo para estudar as posibilidades de financiamento e necesidades técnicas para o deseño e implantación dun sistema similar na Universidade BAMU.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2015.