Ir o contido principal

A Universidade de Campinas explora dobres títulos en agrícolas e forestais coa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC

De esquerda a dereita, Ospina, Zapata, Gonçalves, Valcárcel e Rocha, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo
De esquerda a dereita, Ospina, Zapata, Gonçalves, Valcárcel e Rocha, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo
Valcárcel e Zapata tratan cos profesores brasileiros Raquel Gonçalves e Marco Tulio Ospina o deseño de diplomas compartidos e o intercambio de alumnos e docentes
Lugo

A Universidade Federal de Campinas (Brasil) explora a posibilidade de articular títulos compartidos coa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC en agrícolas e forestais, ao tempo que estudan o establecemento de canles de intercambio de alumnado de grao e de docentes entre as dúas institucións académicas, tal e puxeron este luns de manifesto os profesores da universidade brasileira Raquel Gonçalves e Marco Tulio Ospina durante o encontro de traballo coa vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto.

A delegación académica da Universidade de Campinas, unha universidade que xa mantén diversas liñas de colaboración coa USC en ámbitos agroforestais, aproveitou a súa estadía en Lugo para manter tamén un encontro co profesor Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos. A reunión, na que tamén participou o xestor de Internacionalización do Campus Terra da USC, Pedro Fiz Rocha Correa, permitiu abordar polo miúdo as posibilidades de intercambio de alumnado e docentes, ao tempo que serviu para afondar sobre o coñecemento recíproco das dúas universidades e das actividades docentes e de I+D+i que están a desenvolver.

Esta primeira xuntanza na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo entre a delegación brasileira e a USC terá continuidade ao longo desta semana con novos encontros en sesións de traballo orientadas a ter un coñecemento máis exhaustivo dos cursos e demais cursos formativos relacionados coas áreas de actuación da enxeñaría agrícola e forestal, a fin de avaliar o grao de similitude de disciplinas incluídas nos programas académicos de cada universidade, así como a duración e os períodos máis acaídos para a realización de futuros intercambios.

A definición de trámites e documentos oficiais pertinentes para o establecemento de titulacións compartidas e recoñecidas polas dúas universidades implicadas tamén é obxecto da estadía que completarán en Lugo os representantes académicos da Universidade Federal de Campinas e cos que tamén ten programada unha reunión a vicerreitora de Titulacións da USC, Victoria Otero Espinar.

Alén destas sesións de carácter institucional, os profesores Raquel Gonçalves e Marco Tulio Ospina aproveitaron estes días para visitar as distintas facultades e escolas da sede universitaria luguesa, así como os seus principais centros e laboratorios de investigación, ademais de para manter reunións de traballo co equipo de dirección e con profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.