A Universidade clausura en Viveiro o programa ECO-FA-SE, de mellora de rendemento educativo na ESO

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, participará no acto de clausura e entrega de diplomas aos estudantes do IES Vilar Ponte, de Viveiro, que participaron no programa ECO-FA-SE, desenvolvido polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Esculca, que dirixe o profesor Miguel Ángel Santos Rego, e que cuxas accións se levaron a cabo durante de xeito simultáneo en sete centros educativos de Galicia ao longo do curso 2012-13.
Os promotores deste programa orientado a mellorar o rendemento educativo dos alumnos/as de ESO e no que participaron 269 estudantes de sete centros educativos de Galicia con diversidade cultural entre o seu estudantado, elixiron o IES Vilar Ponte de Viveiro para a celebración deste acto de clausura pola “total implicación dos 16 estudantes do centro viveirense adheridos ao programa, así como pola participación dos pais e nais e pola colaboración e implicación do profesorado”, segundo salientou a profesora e investigadora da Universidade de Santiago, Mar Lorenzo Moledo. Os 16 alumnos/as do IES Vilar Ponte enrolados no programa ECO-FA-SE recibiron no marco desta xornada de clausura do programa cadanseu diploma, a través dos que a Universidade de Santiago acredita que a súa participación neste novidoso programa universitario que se agarda teña continuidade o vindeiro curso académico. O alcalde de Viveiro, Melchor Roel; o director do IES Vilar Ponte, Marcelino García, e o responsable do programa ECO-FA-SE, Miguel Ángel Santos Rego, ademais doutros investigadores da USC e do profesorado do centro educativo viveirense, acompañarán ao vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, neste acto de peche do ECO-FA-SE, un programa estruturado en tres actuacións relacionadas: Aprendizaxe cooperativa, educación familiar e aprendizaxe-servizo. A primeira das accións ten por obxecto traballar de forma cooperativa no contexto da aula para favorecer distintas capacidades, destrezas e habilidades do alumnado, segundo indicou Lorenzo Moledo, que tamén salientou que esta experiencia actuou como especial elemento de motivación persoal nalgúns escolares. A investigadora do grupo Esculca da USC comentou destacou asemade a “total implicación” dos pais dos estudantes do centro viveirense no módulo de educación familiar, unhas sesións nas que participaron uns 20 proxenitores e nas que, de xeito parello, se traballou coas familias e tamén cos adolescentes en aspectos referidos a técnicas e hábitos de estudo. Unha vez completadas estas dúas fases de intervención e cando aínda se están a valorar e cuantificar os resultados obtidos nestes procesos, o IES Vilar Ponte de Viveiro porá en marcha o vindeiro curso o terceiro módulo que contempla o ECO-FA-SE, un programa de aprendizaxe-servizo, que ten por obxectivo que os estudantes aprendan prestando un servizo á comunidade. Esta metodoloxía, segundo explicou Mar Lorenzo Moledo, fai que os alumnos/as amosen máis interese polo estudo. Os institutos de ensino secundario Xulián Magariños (Negreira), Xoán Montes (Lugo), Sanxenxo (Pontevedra), Pino Manso (Porriño), Lagoa de Antela (Xinzo de Limia) e o CPR Fogar Santa Margarida, de A Coruña, son, xunto co IES Vilar Ponte de Viveiro os centros educativos que participaron no presente curso 2012-13 no programa ECO-FA-SE.