Ir o contido principal

A Universidade compostelá homenaxea cun concerto a Mahler no centenario da súa morte

O barítono Marcos García e o pianista Adolfo Muñoz ofrecen este mércores un recital con cancións de Mahler e Zemlinsky e pezas pianísticas de Schönberg, Zemlinsky e Brahms

O barítono Marcos García e o pianista Adolfo Muñoz ofrecen este mércores 11, ás 20:00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), un concerto homenaxe a Gustav Mahler no centenario da súa morte. A entrada é libre ata completar o aforo. ‘Gustav Mahler e a Viena de Fin de Século’ é o título do recital co que, con cancións de Mahler e Zemlinsky e pezas pianísticas de Schönberg, Zemlinsky e Brahms, a Vicerreitoría de Cultura pretende que o público penetre no universo dunha das personalidades artísticas máis fascinantes do século XX. Proponse á vez unha viaxe no tempo para trazar ao redor da súa figura un percorrido por unha cidade, Viena, e un período histórico apaixonantes. A tensión entre o conservadorismo do agonizante imperio austro-húngaro e as novas correntes de pensamento durante o cambio de século pódese observar a través dos artistas e intelectuais que se concentraron na capital imperial: o pai da psicanálise Sigmund Freud; os arquitectos Otto Wagner e Adolph Loos; os pintores Gustav Klimt, Egon Schiele e Oskar Koskoschka; os escritores Arthur Schnitzler, Hugo von Hofmannsthal, Karl Kraus e Stefan Zweig; e os compositores Alexander Zemlinsky, Gustav Mahler e Arnold Schönberg. Nesa época Mahler eríxese en símbolo musical. Conservador e revolucionario a un tempo, representa o último expoñente dunha tradición que proviña de Mozart e Haydn até chegar a Brahms e Bruckner. A súa carreira foi a de director de orquestra e considerábase a si mesmo un “compositor de verán”, dado que as súas obrigas nos diversos teatros de ópera que dirixiu non lle permitiron dedicar máis que o período estival á composición. Nove sinfonías (dez se contamos “A Canción da Terra”) e varios ciclos de cancións condensan toda a súa produción. Con todo, o “Lied” (a canción alemá de cámara) áchase sempre no centro de todo o seu pensamento musical. O programa contempla tres ciclos da obra de Mahler que reflicten fielmente a traxectoria artística deste músico. Para terminar de trazar o círculo ao redor de Mahler e a Viena de fin de século que o recital propón, cada un deses ciclos de cancións vese precedido por unha peza instrumental de Johannes Brahms, Arnold Schönberg e Alexander Zemlinsky. Marcos García O ovetense Marcos García realizou estudos de Canto no Conservatorio Superior de Música “ Eduardo Martínez Torner” coa profesora Lola Arenas. Completa a súa formación con Lina Maria Åkerlund na Hochschule für Musik und Theater de Zürich e con Danielle Borst na Haute Ecole de Musique de Xenebra. Como solista, cantou coas orquestras Le Parlement de Musique, a Sinfónica do Principado de Asturias, a Oviedo Filarmonía, a Orchester Musikkolegium Winterthur, a Orquestra Sinfónica de Burgos, a OPUS Orchester Bern, a Orquestra Julián Orbón de Avilés e a Orquestra de Juventudes Musicales de León, baixo a dirección de mestres como Yves Abel, Martin Gester, Antoni Ros Marbá, Stefano Ranzani, Javier Castro, Eric Hull ou Pier Giorgio Morandi. Cantou o rol do Dr. Evariste na estrea da ópera “L’Enfant et la Nuit” de Frank Villard en Vevey e Xenebra (Suíza) e no festival de Créneaux de Suscinio (Francia) o de Melisso da ópera “ Alcina” de Haendel. Interpretou ademais innumerables papeis, como o de Lucas da ópera “Lês troqueurs” de A. Dauvergne na Cité de la Musique de Paris, Bourg en Bresse y Amilly (Francia) ou o de Dieb en “Peer Gynt” no Stadthaus de Winterthur. Adolfo Muñoz Adolfo Muñoz cursou estudos superiores no Conservatorio de Salamanca, a súa cidade natal, coa catedrática Patrín García-Barredo na especialidade de Piano e con Alberto Rosado na de Música de Cámara. Obtén a titulación de Profesor Superior de Piano e recibe o Premio Extraordinario Fin de Carreira. Ao concluír os seus estudos gaña unha bolsa da Fundación Cultural “La Gaceta” para proseguir a súa formación en Berlín, onde traballa coa pianista Dinorah Varsi. Completa a súa formación asistindo a cursos de interpretación pianística e recibindo clases de Maria João Pires, Josep Mª Colom, Rita Wagner, Luca Chiantore, Graham Jackson, Wolfgang Rübsam, Claudio Martínez-Mehner, Heidi-Sophia Hase, Antonio Baciero e Ana Guijarro.

Ofreceu numerosos recitais de piano, como solista e como membro de grupos de cámara en cidades como Berlín, Basilea, Madrid, Toledo, León, Xixón, Salamanca e Ávila, entre outras. O seu interese pola divulgación da música contemporánea levouno a interpretar recitais sobre o nacemento da atonalidade, a impartir cursos sobre o piano contemporáneo ou a historia do piano no jazz e a dar conferencias sobre figuras de vangarda, así como sobre diversos aspectos da evolución da linguaxe musical ao longo do século XX.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2011.