Universidade e Deputación conmemoran o xoves en Lugo os 50 anos da Compilación do Dereito Civil de Galicia
A Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial de Lugo conmemoran o cincuenta aniversario da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia coa celebración de dúas mesas redondas nas que distintos relatores abordarán o tránsito do Dereito Foral ao Dereito Civil en Galicia e tamén a práctica forense e notarial do Dereito Civil en Galicia.
‘Do Dereito Foral ao Dereito Civil de Galicia’ é o título da primeira mesa redonda, que estará moderada por Antonia Nieto Alonso, profesora titular de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela. Intervirán como relatores Domingo Bello Janeiro, catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña; Luis Rodríguez Ennes, catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago, e a tamén profesora da USC e doutora en Historia do Dereito Teresa Bouzada Gil. O decano do Colexio de Avogados de Lugo, Félix Mondelo Santos, será o moderador da mesa redonda ‘O Dereito Civil de Galicia na práctica forense e notarial’, un tema sobre o que disertarán o notario José Manuel López Cedrón e os avogado Alejandro Fernández Pumariño e José Antonio López Graña. Estes actos conmemorativos dos 50 anos da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia, unha publicación feita realidade o 2 de decembro de 1963 e que supuxo a consolidación lexislativa dun dereito que ata o momento só se podía manifestar a través do costume, comezarán ás 17.00 horas no salón de actos do Pazo de San Marcos. A entrada de público será libre e gratuíta.