A Universidade estudará os controis de calidade no sector turístico nun curso de verán en Muros
A Universidade de Santiago celebrará o 29 e 30 de setembro en Muros o curso ‘Certificacións e calidade no turismo’, co obxectivo de promover a divulgación da cultura da calidade homologada nos servizos e empresas turísticas, tanto públicas como privadas. Este seminario, dirixido por Xosé Manuel Santos Solla, pretende favorecer o desenvolvemento dun turismo de calidade baseado nunha xestión axeitada e integral dos seus recursos, infraestruturas e servizos.
Ao longo das quince horas lectivas coas que conta este curso tentarase capacitar aos profesionais para investigar, deseñar e executar proxectos de implantación e xestión de procesos de control da calidade no sector turístico cunha formación específica en problemas teóricos e prácticos.
Así, desenvolveranse habilidades para a participación creativa en equipos multidisciplinares de implantación e xestión de procesos de control da calidade no sector turístico, ao tempo que se elaborarán respostas prácticas aos conflitos xerados por estes procesos.
A taxa xeral de matrícula para este curso, que se desenvolverá na Casa da Cultura de Muros, é de 70 euros. Existe un prezo reducido, de 40 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 18 de setembro), xa está aberto.