Ir o contido principal

A universidade galega traballará na reactivación do turismo en Galicia

O plan é a continuación do modelo de colaboración entre a industria, a Universidade e a Xunta que xa se aplicou na ‘Estratexia 2020’. Foto: Santi Alvite
O plan é a continuación do modelo de colaboración entre a industria, a Universidade e a Xunta que xa se aplicou na ‘Estratexia 2020’. Foto: Santi Alvite
No marco do Plan Director 2021-2023 ‘Galicia Destino Seguro’, a USC realizará diagnósticos e formulará propostas no eido do territorio
Santiago de Compostela

A reactivación do turismo en Galicia para superar a crise provocada pola pandemia a través de actuacións estratéxicas e operativas é o obxectivo principal do Plan Director 2021-2023 ‘Galicia Destino Seguro’, cuxo desenvolvemento foi presentado este mércores nun acto no que tomou parte o reitor Antonio López. Na súa elaboración, baseada en enfoques científicos e participativos, toman parte as tres universidades galegas, centrándose a USC na realización de diagnósticos e a formulación de propostas nos ámbitos relativos ao territorio. A UDC, pola súa parte, centrarase no eido da oferta, mentres que a UVigo traballará na demanda.

O Plan Director do Turismo de Galicia fronte aos efectos da COVID-19 ten como obxectivo a definición dunha serie de medidas estratéxicas e operativas que permitan superar a crise multidimensional provocada pola COVID-19, reactivando o sector turístico e aproveitando a conxuntura para reposicionar a Galicia como destino. O plan debe preparar a transición cara os anos de recuperación, onde se definiría unha nova Estratexia de Turismo co 2027 ou o 2030 como posibles metas temporais, nun período con varios Anos Santos e coa sustentabilidade como eixo irrenunciable.

O acto no que participou o reitor da USC, estivo presidido polo vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Xunto a eles, tomaron parte no acto o reitor da UDC, Julio Abalde; o da UVigo, Manuel Reigosa; e o presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo  Pardal, xa que esta entidade asumirá a coordinación dos traballos de campo co sector de acordo coas necesidades de información que expoñan as universidades. Na sesión, tamén estivo presente Nava Castro Domínguez, directora da Axencia Turismo de Galicia.

Metodoloxía

O plan é a continuación do modelo de colaboración entre a industria, a Universidade e a Xunta que xa se aplicou na ‘Estratexia 2020’. Con estas análises científicas preténdese coñecer a oferta sectorial, así como as necesidades das empresas; o grao de preparación do destino dende o punto de vista do territorio; e as características dos consumidores, así como os posibles cambios de hábitos que se puideron producir. A planificación inclúe investigacións cualitativas e cuantitativas. Neste senso, crearanse dez mesas de traballo sobre aspectos concretos da actividade turística e faranse 25 entrevistas en profundidade a expertos do sector. Asemade, realizaranse dúas enquisas específicas, unha dirixida ás empresas e outra dirixida aos consumidores.

O desenvolvemento do plan foi presentado este mércores nun acto no que tomou parte o reitor Antonio López
O desenvolvemento do plan foi presentado este mércores nun acto no que tomou parte o reitor Antonio López
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2020.