A Universidade impartirá en Bande un curso sobre turismo arqueolóxico
Do 10 ao 12 de setembro en Bande, a USC organiza o curso de verán ‘Patrimonio arqueolóxico e turismo: unha maneira de publicitar o noso pasado’, no que se achegará unha visión completa sobre o turismo arqueolóxico, dado o elevado número de visitantes que cada ano visitan o xacemento romano e museo de Porto Quintela, de cuxo Padroado forma parte a Universidade de Santiago de Compostela.
Durante este curso, de 30 horas lectivas e dirixido por Antonio Rodríguez Colmenero, tratarase, por unha banda, o turismo arqueolóxico como a maneira de dar a coñecer á xente esta parcela do pasado histórico e, por outra, como un factor económico de desenvolvemento sostido, comparándoo con outros xacementos peninsulares de categoría semellante.
A taxa xeral de matrícula para este curso, que se desenvolverá ata o 12 de xullo no Centro Arqueolóxico de Aquis Querquennis de Porto Quintela en Bande, é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 28 de agosto), xa está aberto.