Ir o contido principal

A Universidade impulsa a compostaxe como oportunidade e solución para a xestión de residuos

López Izquierdo, Barreiro Lois e García Arias, na apertura do simposio sobre compostaxe
López Izquierdo, Barreiro Lois e García Arias, na apertura do simposio sobre compostaxe
Máis de 30 persoas participan en Lugo, na EPS, nun simposio sobre xestión de biorresiduos, que inclúe un obradoiro práctico e no que interveñen preto de dez relatores

O campus de Lugo da USC impulsa a compostaxe como solución ou, cando menos, como oportunidade para paliar a problemática ambiental derivada da xestión de residuos, tal e como se puxo de manifesto a apertura do V Simposio sobre Compostaxe ‘Unha proposta agroecolóxica para a xestión de biorresiduos’, un foro que cita máis de 30 persoas na Escola Politécnica Superior.

A compostaxe é unha práctica arraigada que nos permite volver ás nosas raíces e recuperar hábitos e prácticas sostibles e moi acaídas para favorecer a conservación do medio ambiente, sinalou o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, na inauguración deste simposio, un foro coordinado polo profesor da USC Xan Neira e froito da colaboración da USC con, entre outras entidades e institucións, a Deputación Provincial de Lugo, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e a Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA). A compostaxe é unha estratexia de campus, salientou a subdirectora da EPS Ana Isabel García Arias, quen logo de subliñar esta aposta conxunta da comunidade universitaria luguesa polo impulso destas prácticas e a conseguinte sensibilización social a prol dunha xestión responsable dos residuos domésticos e industriais. Neste mesmo senso pronunciouse a deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, quen logo de defender a compostaxe como “unha alternativa razoable cara unha xestión eficiente dos residuos”, adiantou que este tipo de iniciativas divulgativas e de formación a prol da xeneralización deste tipo de prácticas terán continuidade este venres na Deputación de Lugo con outra xornada sobre compostaxe. López Izquierdo tamén animou á cidadanía a iniciarse na compostaxe, ao entender que se trata de hábitos e prácticas sinxelas que non reportan máis que beneficios para todos. Obxectivos e programa do simposio Os obxectivos deste simposio sobre compostaxe céntranse na proposición de iniciativas e instrumentos orientados a favorecer políticas activas a prol de sistemas para a xestión de biorresiduos. Analizar os elementos sostibles do manexo da materia orgánica e compost , e o intercambio de experiencias neste eido, constitúen outras das premisas desta actividade formativa e de carácter divulgativo. O programa, que se desenvolve en quenda de mañá e tarde no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo, comezou cun relatorio do profesor da USC e vicepresidente da SEAE, Xan Neira Seijo, que abriu as intervencións cunha exposición sobre cándo e qué se pode compostar. De seguido, o catedrático da USC Manuel Guaita falou sobre o emprego da madeira na construción como exemplo de posta en valor da biomasa forestal. O uso dos residuos domésticos, industriais e agrogandeiros, así como a xestión de biorresiduos como política pública foron outros dos temas abordados nos relatorios programados en quenda de mañá no marco deste simposio, que rematou a sesión matinal cun obradoiro práctico na finca de prácticas da EPS. O compromiso da USC co desenvolvemento sostible, a biomasa forestal e o desenvolvemento rural e a análise dos distintos modelos de xestión de residuos orgánicos e gandeiros completan a relación de temáticas que serán abordadas, xa en quenda de tarde, no marco deste simposio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2015.