Ir o contido principal

A Universidade Mendel e a Rede Igsea da USC estudan liñas de traballo en común nas que colaborar en proxectos europeos

Tomás Cuesta e Veronika Krutilova, na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
Tomás Cuesta e Veronika Krutilova, na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
A directora do Departamento de Investigación da universidade checa reuniuse no campus de Lugo con investigadores da Escola Politécnica e da Facultade de ADE

A Universidade de Mendel, emprazada na cidade checa de Brno e cuxa organización académica presenta unha marcada orientación agronómica, traballa na creación de posibles liñas de colaboración con investigadores da Escola Politécnica Superior e da Facultade de ADE do campus de Lugo integrados na Rede de Investigación para la Xestión Sostible da Empresa Agroalimentaria (Igsea), en aras a poder concorrer de xeito conxunto a proxectos de convocatorias europeas ao abeiro do programa H2020.

A directora do Departamento de Investigación da Universidade de Mendel, Veronika krutilova, constatou durante a visita que vén de realizar ao campus de Lugo que hai liñas de traballo e campos de investigación nos que están a traballar os integrantes da Rede Igsea que son parellas a outras accións investigadoras que se están a desenvolver na Universidade de Mendel. A existencia de moitos puntos entre as accións de I+D+i que se están a desenvolver no campus de Lugo da USC e a institución académica checa aumentaron se cabe o interese da visita de Krutilova ao campus de Lugo, onde a directora do Departamento de Investigación da Universidade de Mendel mantivo encontros con distintos investigadores da EPS e da Facultade de ADE, así como director da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), Enrique Arbones, quen amosou as novas instalacións da APLTA á responsable universitaria checa.

A presenza de Veronika Krutilova na sede universitaria tamén serviu para sentar as bases de novas vías de colaboración entre a USC e a Universidade de Mendel, tales como poden ser a creación de programas de intercambio para completar estadías de investigación e docencia tanto nos centros universitarios checos como da USC, así como outras estadías preparatorias para as novas Calls europeas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2015.